Continúan as protestas na CRTVG

Dossieres

O pasado luns 24 de outubro, aprobábase a proposición de lei para a Reforma da CRTVG, que acudirá ao pleno do Parlamento co texto pactuado entre o PPdG e o PSdG, que só tiveron desacordo no relativo á subrogación de contratos, dado que os socialistas se abstiveron na votación da enmenda correspondente.

No entanto, todas as enmendas presentadas polo BNG foron rexeitadas, algunhas delas propostas inicialmente polo Comité Interempresas, o que, fóra de calmar as protestas, encendeunas aínda máis nos últimos días.

Se xa o día no que se aprobaba o relatorio, os traballadores se manifestaban ás portas do Parlamento, o mércores conseguían interrumpir a sesión do pleno en protesta polo que consideran represalias a dous traballadores, e este xoves 27, unha manifestación de centos de persoas percorreu as rúas de Santiago de Compostela en defensa dunha CRTVG pública.

Un mes de conflito

O pasado luns 10 de outubro tivera lugar unha xornada de folga na CRTVG, secundada por un 80% segundo o Comité Interempresas e por 45% segundo a dirección. Varios centenares de empregados da compañía concentráronse fronte ao Parlamento galego e celebraron, a continuación, un acto informativo seguindo a fórmula do Telexornal na praza do Toural de Santiago de Compostela, no que explicaron os motivos das mobilizacións.

O mércores 12, o Comité Interempresas denunciaba que, a raíz da folga, a Dirección Xeral da CRTVG apartara do programa especial do 20-N aos dous presentadores que participaron no informativo reivindicativo na Praza do Toural. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pediu á dirección da CRTVG aclaracións sobre estes feitos. Desde a dirección do ente, contestouse cunha carta na que se expuña un posíbel conflito de intereses na participación dos dous traballadores no informativo.

Documentación