Dúas xornalistas de Estados Unidos condenadas a 12 anos de traballos forzados en Corea do Norte

Dossieres

A Federación Internacional de Xornalistas (FIP) esixe a liberación inmediata das dúas xornalistas estadounidenses, Euna Lee e Laura Ling, que foron encarceradas en Corea do Norte. Estamos ante un caso de "trato inhumano e inxusto" que irritará aos xornalistas de todo o mundo, dixo a FIP.

A axencia estatal norcoreana de noticias, KNCAN, anunciou o pasado día 8 que o Tribunal Central da República Popular de Corea condenara a Lee e a Ling a 12 anos de traballos forzados, supostamente, por emprender "accións hostís" e por entrar ilegalmente no país.

A audiencia inicial do xuízo tivo lugar o xoves 4 a porta pechada na sede do principal tribunal norcoreano. Estamos ante un caso no que non hai posibilidade algunha de apelación.

"Estas dúas xornalistas son vítimas dun réxime político implacable", dixo Aidan White, Secretario Xeral da FIP, quen engadiu: "Estas xornalistas son utilizadas como meros peóns e afrontan unha inxustiza intolerable e inhumana. Deberan ser liberadas de inmediato e sen cargos".

Os gardas fronteirizos detiveron a Lee e a Ling o 17 de marzo cerca do río Tumen, na fronteira chinesa-coreana. Ambas foran enviadas a China por Current TV, unha canle de televisión californiano, para informar sobre os refuxiados norcoreanos que chegan a China.

Un produtor de Current TV e un condutor local acompañábanas, pero eles non foron detidos.

As familias de Le e Ling negan as acusacións de que planeasen entrar clandestinamente en Corea do Norte e afirman que -no caso de que cruzasen a fronteira internacional- sería só por un erro sen mala intención.

A organización estadounidense Comité para a Protección dos Xornalistas (CPJ, segundo as súas siglas en inglés) pediu aos seis países que negocian sobre o programa nuclear norcoreano (as dúas Coreas, China, Xapón, Rusia e Estados Unidos) que presionen na escena internacional a Corea do Norte para anular a sentenza e que as xornalistas sexan liberadas. "Non hai xustificación algunha para un acto, que é un castigo insultante e desproporcionado para todos os xornalistas", engadiu White, quen concluíu: "Corea do Norte debera responder de inmediato á preocupación planetaria dos Xornalistas e deixar en liberdade as nosas colegas".

FIP

Documentación