Manu Brabo en liberdade

Dossieres

O fotoperiodista español Manu Brabo foi liberado xunto a outros tres reporteiros xunto aos que permanecía detido en Libia desde o pasado 5 de abril.

Brabo foi capturado na fronte oriental da guerra libia mentres volvía da localidade de Brega, en mans dos rebeldes, e foi trasladado posteriormente a Trípoli.

Os liberados son Brabo, os reporteiros estadounidenses James Foley e Clare Morgana Gillis e o británico Nigel Chandler, segundo un portavoz libio.

Con todo, o fotógrafo surafricano Anton el Hammerl -desaparecido xunto a Manu Brabo e os dous estadounidenses cando viaxaban xuntos o pasado 4 de abril preto de Brega- non foi posto en liberdade.

"Estaba un pouquiño aparvado por todo o que ocorreu pero nos dixo: "Estou ben" e isto válenos. Non nos dixo nada máis pero foi suficiente, con escoitar a súa voz. Non sabemos aínda cando volverá a España pero mantemos contacto directo con Exteriores que nos foi informando de todo", relatou a RNE a irmá do xornalista español, Victoria Bravo.

De feito, foi el mesmo o que manifestou á axencia EFE as súas intencións: atópase "ben", con "ganas de descansar" e "volver traballar", aínda que non proporcionou detalles sobre a súa detención en Libia durante o último mes e medio: "Estou ben, estou feito un titán".

Aos catro acusóuselles de entrar ilegalmente no país e segundo fontes libias foron xulgados o pasado martes e condenados a un ano de cárcere que non cumprirán por non ser reincidentes, aínda que terán que pagar unha multa duns 100 euros.

Os catro reporteiros liberados chegaron ao hotel Rixos de Trípoli, segundo indicaron testemuñas presenciais, que detallaron que a súa aparencia física era boa a pesar de que mostraban ostensibles signos de cansazo.

Xestións do Goberno de España

Segundo adiantou a ministra de Exteriores de España, Trinidad Jiménez, Brabo será trasladado polo encargado de negocios da embaixada española á fronteira con Tunisia, onde o cónsul español en Tunisia vai recollelo e levalo a un aeroporto para coller un avión de volta a España.

A ministra recordou este xoves 18 de maio que un enviado diplomático español estivo en Trípoli desde o primeiro momento e que "froito das xestións e moitos contactos finalmente tivo lugar esta resolución xudicial".

"Esta mañá púxenme en contacto cos pais de Manu Brabo para explicarlles como faremos os trámites para a súa saída", engadiu a xefa da diplomacia española.

P-ES

Documentación