Proxecto de Lei de Seguridade Cidadá

Dossieres

Este martes catro de novembro comezaba na Comisión de Interior do Congreso a discusión para a ponencia do Proxecto de Lei de Seguridade Cidadá, unha proposta normativa que desde os seus inicios, o ano pasado, xerou numerosas críticas das organizacións de xornalistas.

Así, xa o 19 de novembro do 2013, o Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP), ao que pertence o Colexio de Xornalistas, a FAPE e ANIGP-TV, de forma conxunta, remitiran ao Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz unha carta na que denunciaban que "algúns artigoos poden colisionar co dereito constitucional á información e ocasionar inseguridade xurídica, con sancións que poderían considerarse como desproporcionadas, tanto aos xornalistas que estean cumprindo co seu traballo en lugares públicos onde interveñan axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así e como para os editores que publiquen estes contidos".

Esta semana, ElDiario.es publicaba como unha enmenda do PP ao proxecto de Lei de Seguridade Cidadá quere incluír as sedes de TVE e RNE como instalacións nas que as manifestacións non comunicadas ou as intrusións serán infraccións graves sancionadas con ata 600.000 euros. E Amnistía Internacional lanzaba a súa campaña #derechoaprotestar, na que reclama que se recolla o dereito á protesta, cun vídeo no que recompila actuacións das forzas de seguridade contra os fotoxornalistas.

Aproveitamos o paso do proxecto pola Comisión de Interior do Congreso para recuperar neste dossier as principais noticias acerca de como pode afectar esta lei ás liberdades de prensa e expresión.

Documentación