Recomendacións extraídas do foro sobre comunicación e minorías éticas

Recursos

Unha das eivas que os medios teñen desde o seu nacemento son as súas dificultades para tratar dunha maneira axeitada a todo aquel que é diferente, mais este problema viuse agravado aínda máis coa aparición do xornalismo post-televisivo, marcado por unha constante uniformi-zadora na que queda pouco espazo para o minoritario, fóra dalgúns exemplos descontextualizados.

Se ben no caso étnico, como en tantos outros, a existencia do que é diferente é inherente a calquera sociedade desde o principio dos tempos, é certo que coa actual extensión a nivel planetario das correntes migratorias provocadas pola desigualdade, a presenza das minorías étnicas faise cada vez máis palpábel. É necesario, pois, facer un impulso por dar un tratamento xusto e adecuado nos medios a todos os grupos étnicos que conforman a sociedade, sen caer en redaccións que utilicen a etnia como un elemento máis para marxinar as minorías.

Para conseguirmos este obxectivo, desde o Foro sobre Comunicación e Minorías Étnicas realizamos as seguintes recomendacións:

  • Se as imaxes das minorías étnicas transmitidas polos medios están relacionadas coa idea que a poboación ten destas, é obvio que non é utópico pensarmos no xornalismo como instrumento para rachar cos estereotipos e buscar o coñecemento e encontro entre culturas. Cómpre unha actitude militante dos e das xornalistas, acorde coa súa responsabilidade social como mediadores, na asunción dos dereitos das minorías como algo que atinxe ao conxunto da poboación.
  • Non deben incluírse nas noticias características como o grupo étnico, a cor da pel, o país de orixe, a lingua, a relixión ou a cultura agás nos casos en que sexa estritamente necesario para a comprensión da información. Este tipo de caracterizacións estabelece dicotomías do tipo eles / nós, que afastan ás minorías do resto da poboación e adoitan relacionarse con outros binomios maniqueos. A súa inclusión debe coidarse aínda máis perante a inclusión de conceptos tan contestados como os de "etnia" ou "raza", dos que se ten discutido a súa utilidade para a caracterización dos grupos humanos.
  • Os grupos minoritarios son, como os maioritarios, heteroxéneos por natureza, Cómpre, polo tanto, evitar calquera tipo de xeralizacións, estereotipos e simplificacións. Tanto os tópicos que dividen ás persoas por nacionalidade ou etnia (aplicándolle a cada grupo un tipo de ocupación ou características persoais) como as asociacións coa marxinalidade ou a delicuencia deben ser erradicadas dos medios de comunicación. Esta eliminación faise aínda máis necesaria cando os estereotipos veñen disfrazados con rexeitamentos do racismo, como o tópico da cualificación da inmigración como unha ‘avalancha’ inasumíbel pola economía, que supostamente condenaría os inmigrantes á marxinación.
  • Os medios de comunicación teñen un importante papel como formadores de opinión pública. É esencial, daquela, evitar a potenciación das informacións negativas ou sensacionalistas, xa que poden dar azos á aparición de conflitos. Isto non implica faltar á verdade con edulcoracións ou eufemismos, mais apenas ofrecer unha perspectiva ampla e transversal das minorías, visibilizando cuestións como as súas condicións de vida, integración, aportacións á cultura e á economía, etcétera. Neste contexto, é esencial a aparición de información de contextualización, como a documentación (coas posibilidades dos medios dixitais, non sempre aproveitadas), a inclusión das minorías en xéneros que ofrezan unha profundidade de análise alén do propio acontecemento, como a reportaxe, ou a aparición de información sobre as minorías en todas as seccións, e non apenas nas de sociedade. Por suposto, a calidade e o rigor han ser, como no resto do xornalismo, os principais garantes dunha información axeitada.
  • A imparcialidade é un piar imprescindíbel para o correcto exercicio do xornalismo, tamén nas informacións relativas ás minorías étnicas. Daquela, é necesario buscar a ecuanimidade nas fontes de información, potenciando as propias das minorías, fronte á práctica habitual no xornalismo actual de utilizar apenas fontes institucionais. Os membros das minorías étnicas son fontes esenciais por si propias, máis aínda através das organizacións, e cómpre romper co silencio nos medios, que case nunca lles teñen dado a importancia necesaria como primeiros implicadas. Ademais, é necesario fortalecer os procedementos de replica e rectificación, para contrarrestar calquera falta de equilibrio nas fontes.
  • A redacción das informacións non é o único lugar onde pode aparecer a marxinación e parcialidade. O coidado no tratamento das minorías étnicas ten que ir alén do simple corpo da noticia. Moitas veces, a ubicación dunha información dentro dunha páxina ou bloque pode provocar a súa contaminación coas características das informacións cercanas, dándolle un contido sesgado a unha peza supostamente realizada de forma neutra. Cómpre extremar, ademais, a neutralidade nos titulares e imaxes, máis visíbeis proclives a caer nos estereotipos e no tratamento parcial.
  • A intimidade e a privacidade son dereitos de toda a poboación, que deben aplicarse independentemente de cal sexa a súa orixe ou condición. Daquela, non son admisíbeis os planos curtos de feridos ou mortos (que se teñen feito habituais nalgunhas informacións como as relativas ás pateras), como tampouco ningún outro tipo de intromisión na intimidade das persoas.
  • Na liña do traballo contra as xeralizacións, é necesario facer un esforzo por visibilizar as minorías dentro das minorías: as mulleres, as persoas con discapacidade, as persoas maiores e en xeral todos os colectivos en risco de exclusión sofren unha dupla discriminación ao pertenceren a grupos de minorías étnicas. Cómpre, pois, traballar aínda con máis forza na súa inclusión nos medios. Este esforzo debe facerse extensivo a outras situacións sepultadas a miúdo pola información maioritaria, como a dos e das solicitantes de asilo político.
  • Especial mención e esforzo merece a visibilización do pobo xitano. Na súa longa historia como minoría étnica endóxena no noso ámbito, a súa marxinación na información ten sido por veces mesmo maior que a doutras minorías de implantación menor e máis recente. A súa aparición nos medios adoita perpetuar o tratamento morboso, a marxinalización e o tópico duplo das ciganas e os ciganos como artistas ou delincuentes. Os e as profesionais do xornalismo teñen a responsabilidade social de visibilizar a realidade deste colectivo fundamental na nosa sociedade.
  • É necesario entender que as minorías étnicas non son apenas protagonistas da información, senón que son elas propias tamén obxectivos e produtoras da mesma. As e os xornalistas deben informar para as minorías como para o resto da poboación, sen menoscabo de que poidan existir medios específicos para elas, que moitas veces cumpren un papel esencial. Ademais, é esencial que os grupos minoritarios teñan cada vez un papel maior na produción da información, quer sexa coa entrada dos seus membros nas redaccións como xornalistas, quer co desenvolvemento de medios e gabinetes de comunicación propios.