Zapatero anuncia unha "drástica redución" publicitaria en TVE

Dossieres

O Goberno cedeu ás presións das televisións privadas, sempre críticas coa "competencia desleal" que supón a dobre financiamento de TVE (achega do Estado e publicidade).

O presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, anunciou por sorpresa unha "drástica redución" da publicidade en TVE, unha fonte de ingresos que supón case a metade do seu orzamento.

As palabras do presidente foron acollidas entre vítores polas televisións privadas, que interpretaron a noticia como un "alivio" en plena crise. De feito, informa Salvador Sabrià, a noticia tivo a súa repercusión na bolsa. Os valores de A-3 TV e Tele 5 disparáronse, mentres que Prisa, con problemas engadidos no seu filial Sogecable (Catro e Dixital +), rexistrou unha forte baixada. A-3 lideira a suba co 16,67%, que deixou a acción a 4,41 euros. O Ibex 35 pechou a sesión cunha suba moito máis moderada, do 1,49%. Tele 5 rexistrou un aumento do 7,77%, ata situar o valor en 7,35 euros, mentres que Prisa caeu o 4,10% e situouse en 1,87 euros. A cuarta cadea en liza, A Sexta, non cotiza en bolsa.
Respecto a Prisa, varios expertos apuntaban onte que pagou no parquet o anuncio do Ministerio de Industria do xoves de que os operadores de tele privada que queiran emitir TDT de pagamento podían pedir xa a autorización a este departamento, medida que afecta de cheo á oferta televisiva de Prisa, que é de pagamento.

Zapatero realizou o anuncio no Congreso durante a reunión do grupo parlamentario socialista. Deputados, senadores e eurodeputados aplaudiron a rabiar a noticia. Á saída da reunión, a vicepresidenta primeira, Teresa Fernández da Veiga, matizou que o novo modelo para TVE se está a estudar. De feito, Da Veiga --defensora dunha tele pública sen publicidade-- leva xa varias reunións cos responsables das privadas para trazar o novo modelo audiovisual. Tamén se reuniu cos sindicatos de RTVE, ós que avanzou a noticia a primeira hora da mañá.

O presidente do Comité Xeral Intercentros, Teo Altieri, asegurou que a redución da publicidade suporá "maior liberdade" pola ausencia de presión das marcas, pero insistiu en que o verdadeiro problema de TVE é que ten "un sistema de traballo do século XIX".

O portavoz socialista, José Antonio Alonso, engadiu que o anuncio do presidente é un acerto político e empresarial. E deixou claro que a medida non suporá recortes nin na calidade nin no cadro de TVE, que xa sufriu recentemente un ERE. Ningún responsable do Goberno, porén, ampliou o titular ofrecido por Zapatero. Tampouco TVE abriu a boca. Así que agora todo son interrogantes. ¿Como se vai materializar a "drástica redución" da publicidade? ¿Deixarán de se emitir anuncios a partir das 20.00 horas, como en Francia? ¿Pagarán os usuarios un canon, como ocorre en Gran Bretaña ou en Italia? ¿Cargarán, pois, os españois vía impostos con todo o peso económico de TVE?

É a terceira vez que o Goberno fai unha chiscadela ás cadeas privadas, despois da guerra desatada fai un tempo pola telebasura. Primeiro, o Executivo abriu a posibilidade a posibles fusións entre cadeas. Tras ese anuncio, a Sexta avanzou un rápido "posible casamento".

O segundo sorriso do Executivo para as televisións privadas produciuse a semana pasada, cando o Ministerio de Industria instou ás operadoras que queiran emitir televisión dixital terrestre de pagamento a pedir xa a solicitude. A terceira boa noticia veu onte de boca de Zapatero. O financiamento publicitario de TVE é a auténtica besta negra das privadas, que xa se fregan as mans ó pensar que van ser agraciadas cos anuncios que non poderá emitir a estatal. No último trimestre do 2008, a televisión sufriu unha caída de ingresos publicitarios do 20%.

UN ANUNCIO "HISTÓRICO"
Os responsables de Uteca (Unión de Televisións Comerciais Asociadas) cualificaron de "histórico" o anuncio de Zapatero, que se deberá plasmar na lei audiovisual, que entrará en breve no Parlamento. Fontes de Uteca, porén, avogaron por unha supresión total de anuncios en todas as públicas, incluídas municipais e autonómicas. De momento, pediron a inmediata desaparición de anuncios durante o prime time.

Na Asociación de Usuarios da Comunicación (AUC) aseguraron que "non é razoable reducir a publicidade das públicas en tempos de crise". Ó seu xuízo, a mellor solución é que os anuncios só supoñan o 35% dos ingresos e non a metade como ocorre agora. Pola súa parte, o PP preguntou a Zapatero se TVE "vivirá do aire" tras a redución de espots.

OLGA PEREDA / MANEL MANCHÓN
MADRID
El Periódico

Documentación