Obxectivos e funcións

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten como obxectivo:

  • Afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo os seus traballos.
  • A defensa profesional dos seus membros.
  • Garantir a independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
  • Defender, de acordo co artigo 20.1 da Constitución Española, o dereito á liberdade de información e de expresión garantidas a todos os cidadáns.
  • Salvagardar á sociedade de informacións que tendan a deformar voluntariamente a realidade dos feitos.
  • Poñer especial acento na defensa do segredo profesional e aplicación da cláusula de conciencia, como tamén recolle a Constitución.
  • Todos aqueles puntos que o Colexio crea convenientes para o exercicio da súa función, así como todas as outras funcións previstas na lexislación vixente sobre colexios profesionais.

Historia do Colexio

A creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia intentouse xa a principios dos anos oitenta, ainda que ese primeiro esforzo non deu resultado polas fondas discrepancias arredor de admisión de todos os profesionais en activo ou a limitación do acceso aos licenciados en Ciencias da Información e aos membros das Asociacións da Prensa existentes en Galicia.

En 1996, un grupo de profesionais liderados pola Asociación da Prensa de Santiago retomou a iniciativa, contactando coas oito organizacións de xornalistas existentes nese momento, as Asociacións da Prensa de Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo, a Asociación de Licenciados e Doutores, a Asociación de Periodistas de Galicia creada en Santiago, a Asociación de Periodistas de A Coruña e a Asociación de Xornalistas de Vigo e coa recén creada Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela.

Novamente as discusións centráronse na forma de acceso, na que se reproduciron as dúas posturas claras: limitalo a licenciados e doutores ou abrir as portas aos profesionais en exercicio, independentemente da súa titulación.

Esta última tese impúxose por ampla maioría no congreso celebrado en novembro de 1997 en Santiago de Compostela, cun resultado de 127 votos a favor, 7 en contra o 4 abstencións. O congreso rematou co mandato de poñer en marcha un Colexio Profesional de Xornalistas que admitise, de maneira transitoria, aos profesionais en activo que non estiveran en posesión de titulación académica, co fin de non discriminar aos xornalistas que traballaban na comunidade primando os estudios sobre a experiencia e a profesionalidade demostrada.

A raíz da celebración dese congreso, constituiuse unha Comisión Xestora encargada de realizar os trámites para a concreción do proxecto, que foi aprobado por unanimidade do Parlamento Galego o 24 de febreiro de 1999.

Unha vez tramitado o proxecto de lei comezou o traballo doutra Comisión, a de Admisión, que revisou arredor de 1.300 solicitudes e aceptou algo máis de 1.000. A Comisión traballou co mandato legal de pechar a vía de entrada dos non licenciados o 30 de setembro de 1999, e, desde esa data, unicamente poden ingresar no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia as persoas que posúan a titulación necesaria.

Ao mesmo tempo, a Comisión Xestora elaborou o proxecto de Estatutos que habían rexer o funcionamento do Colexio Profesional, negociando practicamente letra por letra. Ao final dese longo proceso, a Asociación da Prensa de Vigo decidiu abandonalo, disconforme coa admisión de non licenciados.

Cabe salientar, por outra banda, as aportacións realizadas pola Asociación de Xornalistas de Pontevedra, non constituida aínda no comezo do proceso, pero que apoiou sen reservas a creación do Colexio Profesional.

Finalmente, a Comisión Xestora organizou a Asemblea Xeral, celebrada en Compostela os días 8 e 9 de abril de 2000 e na que foron aprobados os Estatutos e elixida a Xunta de Goberno. Os Estatutos foron publicados no Diario Oficial de Galicia o 17 de xullo de 2000.