Biografía
Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e investigadora da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega. Colaboradora habitual en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles culturagalega.org (sección Agardando as lagarteiras), Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), Grial, Fadamorgana ou Casa da gramática, ademais do programa "Un día por diante" da Radio Galega. En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser (Editorial Sotelo Blanco) á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (Laviovento, 2002), Resistencia (Xerais, 2003), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), o volume recompilatorio de artigos literarios Agardando as lagarteiras (culturagalega.org, 2003), Veu visitarme o mar (Xerais, 2004) e Ao pé do abismo (Edicións Xerais de Galicia, 2007). Ten publicados relatos nos volumes colectivos Narradoras (Edicións Xerais de Galicia, 2000); Relatos (Librería Cartabón de Vigo, 1999), Relatos gañadores do Pedrón de Ouro 1998-1999-2000 (Ediciós do Castro, 2001) ), Seis ferroláns (Edicións Embora, 2003), Alma de beiramar perdida (A Nosa Terra, 2003), Botella ao mar (AGAV, 2003) e Narradio (Xerais, 2003). Conta no seu haber con recoñecementos como o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), o Premio Arcebispo Juan de San Clemente (2003) ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2004), ademais do Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego para textos xornalísticos. Foi vogal na Xunta de Goberno do CPXG 2008-2012.