Discurso de toma de posesión do Decano en 2012
Hai catro anos, eu falaba neste discurso do mal síntoma que era que o xornalismo fose noticia. E da necesidade que tiñamos do apoio da sociedade para cumprir ese cometido que temos de ser intermediarios e garantes dunha información plural e veraz. E tamén de que necesitabamos ese apoio por se precisabamos, en caso de ser presionados para non poder desempeñalo, poder dicir "preferiría non facelo", como o Bartleby, o escribinte de Melville.
Se daquela estabamos ao borde do abismo, agora, como di o chiste, demos un paso adiante. Por non meternos en máis fonduras das que xa estamos, neses catro anos pasaron cousas como unha crise económica. A única fartura que hai é de todo tipo de datos e estudos para ser pesimistas. Este Colexio mesmo fixo ou encargou algúns. Pero vou citar un do portal norteamericano de emprego, CareerCast.com, que elaborou un listado de 200 profesións clasificadas segundo cinco variables: o traballo físico que requiren, as oportunidades de emprego, as condicións adversas do ambiente de traballo, o nivel de tensión e o de remuneracións, todo segundo as condicións laborais nos Estados Unidos. A mellor é enxeñeiro de software. A número 2, actuario (é dicir, avaliador de riscos de seguros). 3ª director de recursos humanos. 4ª hixienista dental, 5ª asesor financeiro. E as peores, do posto 196 para abaixo, xornalista en medios escritos (que traballo físico moito non require), traballador de plataforma petrolífera, soldado alistado, produtor de leite, e a última, leñador.
Pero precisamente porque está todo moi mal, podémonos permitir o vicio do optimismo, cito de memoria ao colexiado Manuel Rivas. Porque, con todo respecto aos hixienistas, e salvando o aspecto ingresos, a quen lle apetece furgar mais nunha dentadura que nunha historia de presunta corrupción?
E antes de laiarnos pola incomprensión da cidadanía, temos que facer exame de conciencia e ver se lle demos en xeral razóns para que confíe en nós, e se lle estamos vendendo viño ou auga da traída, e proporcionando argumentos para o debate ou munición para o combate.
E en vez de participar con entusiasmo digno de mellor causa en análises de supervivencia de soportes, vixencia de paradigmas e cambio de modelos de negocio, e de facer proclamas á necesaria dignidade da profesión, deberíamos asumir algunhas verdades modestas e igual de necesarias: estamos como estamos, pero os xornalistas temos moita máis capacidade de adaptación que a maioría das profesións, e moita máis capacidade de influír no seu rumbo, e facemos máis parte das empresas, que os traballadores doutros sectores. Outra cousa é que o asumamos, que non o asumimos, e que saibamos facelo.
Alguén un día definiu o seu periódico así:
"Unha institución que loite sempre polo progreso e as reformas, que nunca transixa coa inxustiza ou a corrupción, que sempre se opoña aos demagogos de todos os partidos, que non pertenza nunca a partido ningún, que sempre se opoña ás clases privilexiadas e aos saqueadores públicos, que sexa solidaria cos pobres, que sempre se dedique ao benestar público, que nunca se contente con publicar noticias, que sexa independente a ferro e lume, que nunca tema atacar a inxustiza, xa veña da rapacidade da plutocracia ou da rapacidade da pobreza".
Este foi o editorial que escribiu Joseph Pulitzer o 10 de maio de 1883 con motivo da adquisición do New York World , e que está reproducido nunha placa de bronce na Times Tower de Nova York.
Pode soar retórica de máis, pero esa era exactamente a mesma idea do xornalismo –"a maldición da placa de bronce", chamáballe- que reivindicaba, uns setenta e cinco anos despois Hunter Thompson, un periodista que podemos chamar de todo menos retórico.
É o de sempre. Un medio de comunicación é unha redacción. E un periodista dócil é un mal periodista ou un periodista desaproveitado. Porque a esencia deste oficio é a discusión, a reflexión colectiva sobre que é noticia e que non o é, sobre que ten interese e para quen.
E os periodistas somos o que somos, e debemos seguilo sendo. E escolleron un mal día para escoitar novidades se viñeron aquí con esa intención.
Xosé Manuel Pereiro, Decano do CPXG | Santiago de Compostela, 12 de maio de 2012