Discurso de toma de posesión do Decano en 2016

Dirixirme a xornalistas para falar publicamente de xornalismo prodúceme reparo. Logo de máis de tres décadas exercendo, xa non sei que podería dicir que non fose sinalado antes por quen me precedeu, sen constatar que nos seguen empurrando cara ó abismo, e que imos perdendo no camiño valores que, non hai tanto, ían parellos co exercicio da profesión. Refírome, sabedes, a contar as novas que incomodan, a investigar para acadar a verdade, a divulgar crendo que contribuímos a formar cidadáns libres e con criterio de seu...

Non sei se o xornalismo é noticia para a sociedade e, se deixou de selo, en que momento ocorreu e por que. Pero si sei que cada vez escoito máis compañeiros e compañeiras que se senten como desafiuzados das súas empresas, desexando non ter que asinar información por encarga ou agardando que, no mellor dos casos, unha xubilación digna poña remate a unha agonía que nos últimos anos levou por diante ese veleno que o xornalismo ten e que poderíamos chamar ilusión (e, levados desa ilusión de ilusos, esperanza por poñer o que estea da nosa parte por facer un mundo mellor).

A imaxe idealizada que eu persoalmente teño deste oficio é a de profesionais ávidos de contar cousas, de contrastar opinións, de indagar, debater, achegar... Pronto pasamos de inversores en medios, convencidos do prestixio da influencia, a que esa influencia se traducira en censuras, presións, listas negras... Preocupounos aquilo, pero o que veu non foi mellor. Os que tivemos a fortuna de ir superando os cortes chegamos a estes tristes días nos que a tecnoloxía ten máis valor que a pluma, e o capital domina de tal xeito que impón a banalización da información día a día.

A paisaxe que nos deixou a crise nos medios de comunicación é desoladora, e ameaza con non rematar. Acumulamos colexiados en paro e baixas na profesión como se fosen partes de guerra, e os compañeiros que sobreviven son, en moitos máis casos dos que imaxinamos, igual que mutilados, vítimas dunha precarización que, afectando ós salarios, afecta gravemente á calidade das información que saen das redaccións, e que o público xa consome sen valorar mais aló da anécdota.

Afortunadamente, amamos este traballo de informar, de comunicar, de ser interlocutor coa sociedade. Afortunadamente, pese a tanto laio escoitado en cada faladoiro que compartimos os xornalistas, segue a haber moitos compañeiros e compañeiras que cada día erguen a bandeira da verdade. Xornalistas que loitaron para reciclarse e que atoparon o xeito de seguir trasladando información veraz, contrastada sobre o terreo e pegada ó que debe interesar e crear estado de opinión.

Poucas cousas me alegraron máis (falando deste bendito traballo) que ler nestes últimos días os discursos de Fran Lorenzo e Xosé Hermida con motivo do Día Internacional da Liberdade de Expresión. Porque, pese a todo o pesimismo comprensible, o traballo dos xornalistas segue sacando á luz ese lixo que incomoda tanto ó poder exercido sen respecto algún polo cidadán, e se non houbera quen resiste dende este lado a manipulación, non tería razón de ser a nosa profesión. Do mesmo xeito que sobre tanto pesimismo sobrevoa unha parte cada vez máis notable da sociedade con sentido crítico, na que algo influiríamos os que asumimos o labor de informar superando trabas, medos e o pecado da autocensura do que se alimenta a comodidade.

Quizais esteamos nese tránsito no que toque reinventarnos. Non o sei, pero si sei que exercer o xornalismo segue a ser un privilexio, e os que o representamos dende este Colexio Profesional de Xornalistas en Galicia dende o seu nacemento reivindicamos facelo con responsabilidade.

Paco González Sarria, Decano do CPXG | Santiago de Compostela, 21 de maio de 2016