Discurso de toma de posesión do Decano en 2020

 

Durante os últimos 4 anos, a Xunta de Goberno que encabecei dedicou os seus esforzos a asentar a estrutura do Colexio de Xornalistas, a fortalecer a súa economía e, por riba de todo iso, a dignificar a nosa profesión. Nada que non fixeran equipos precedentes.

Nunca imaxinamos que chegariamos a este 2020 inmersos nunha crise desta magnitude, na que a Covid19 arrastrara os medios de comunicación a solicitaren ERTES, abusando en moitos casos desta opción e primando as súas contas de resultados por riba do labor «esencial» que a excepcionalidade dun estado de alarma conferiu ao noso traballo.

Se nestes últimos catro anos o Colexio de Xornalistas de Galicia ten feito a miúdo fincapé en afastar o morbo e o sensacionalismo do noso traballo a través de diversas iniciativas entre as que cómpre salientar as Xornadas InformaDor, se xa repararon niso anteriores Xuntas de Goberno en situacións excepcionais como o sinistro do AVE ás portas de Santiago no 2013, hoxe non podemos ser alleos á situación á que nos levou este contexto de alarma sanitaria, no que asomaron novamente o morbo e o sensacionalismo nalgunhas publicacións baixo a xustificación da liberdade de expresión e a necesidade de contar o que pasa.

Esa necesidade de contar, de narrar, debe ir parella á de explicar, contextualizar, non alarmar innecesariamente…

Volve facerse patente a necesidade dun Colexio que represente a profesión en Galicia e reivindique os valores que nos caracterizan como traballadores esenciais para unha sociedade libre.

Podemos cumprir obxectivos nas actuais circunstancias?

Esas circunstancias eran antes e seguirán a ser precariedade, temporalidade, intereses editoriais espurios, presións… e a iso hai que engadir agora o teletraballo que sacou a unha parte importante dos compañeiros e compañeiras das rúas, e con iso dunha realidade de contacto que é as máis das veces imprescindible para realizar o noso traballo.

Un tende a pensar en ocasións que de tanto contar as novas que incomodan acabamos incomodándonos nós mesmos, pero mellor incomodar que acomodarnos.

E nesa paisaxe escura que teñen debuxado estes 70 últimos días, nos que a morte estivo tan presente, cómpre sinalar tamén que percibimos un sentimento colectivo maioritario que fai que un sinta orgullo de pertencer a ese grupo de profesións que teñen claro en que parte da sociedade deben estar cando veñen mal dadas.

Se botamos unha ollada atrás, semella que esquecemos a paisaxe desoladora que deixaron crises precedentes. Semella que non hai un horizonte doce para nós, e iso (lamentablemente) reforza esa parte de romanticismo que nos arrastra a perseverar.

Xa que logo, sen pretender que isto non sexa máis que a expresión inconexa de pensamentos improvisados como os que calquera de nos poida ter nestes días, apelo, catro anos despois, á responsabilidade que asumimos ao considerármonos xornalistas e a exercermos como tales.

Paco González Sarria, Decano do CPXG | Santiago de Compostela, 23 de maio de 2020