Discurso de toma de posesión da Decana en 2024

 

Hoxe comeza o mandato dunha nova xunta de goberno. É un día importante por moitas razóns e ao mesmo tempo un paso máis na historia dunha entidade que representa legalmente a todos os xornalistas galegos e conta con máis de 1.000 xornalistas colexiados, e que chegou ata aquí grazas ó traballo de moitas persoas: entre elas os ex decanos Xosé María Palmeiro, Xosé Manuel Vega, Xosé Manuel Pereiro e mais Paco González Sarria.
 
A todas as que participamos na vida do Colexio, a través da xunta de goberno, das demarcacións ou dos diferentes grupos de traballo, esta experiencia nos enriqueceu moitísimo humana e profesionalmente. Cada vez é máis difícil atoparse con compañeiros doutros medios en coberturas, ou simplemente encontrarse con compañeiros. Polos ritmos, rutinas e condicións de traballo, porque temos moito traballo de mesa pero pouco traballo de rúa, moita produción e pouca deliberación, porque cada vez menos periodistas traballan en medios e nos medios a redacción. Así que para nós a participación no Colexio é dalgunha maneira esa redacción soñada: un grupo de xornalistas de diferentes idades, procedencias e experiencias cos que reflexionar sobre que necesita o periodismo galego, cos que debater sobre boas e malas prácticas profesionais, cos que matinar como facer que se escoite a voz das profesionais da información, tanto dentro dos medios como fóra deles, no debate público. 
 
Precisamente neste momento o xornalismo e o seu papel na consolidación da democracia están no debate público. E está ben que por fin sexa así. Non só no contexto español, tamén no europeo, onde acaba de aprobarse un Regulamento de Liberdade de Medios de Comunicación que incide en algo que nos preocupa de vello: a degradación do periodismo e a súa relación coa deterioración democrática.
 
Nese debate é indispensable que se escoite, ben forte, a voz dos e das profesionais da información, que temos voz de noso, unha voz colectiva que no ámbito galego é a do Colexio de Xornalistas, que desde a súa creación ten entre os seus obxectivos a defensa de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, a liberdade informativa e tamén o dereito da sociedade a recibir información veraz. 
 
Unha función que nestes 24 anos exercemos a través de múltiples iniciativas: desde o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego á reclamación de transparencia e criterios obxectivos na repartición de publicidade institucional e axudas a medios; instando a creación de entidades reguladoras nas que participe a profesión e a sociedade civil ou reclamando mecanismos que blinden a independencia editorial dos medios públicos. Impulsando en 2004 a Declaración de Compostela, que impulsou un cambio necesario no tratamento informativo da violencia machista ou creando en 2023 o Rexistro de Medios Dixitais NRede, que outorga un selo que distingue aquelas publicación online que son medios de comunicación. Atendendo as queixas da sociedade civil por malas praxes periodísticas e sinalando as boas prácticas e as traxectorias exemplares a través de diferentes recoñecementos. 
 
Queremos e necesitamos un xornalismo profesional, independente, crítico e autocrítico; que teña raíces firmes na ética e deontoloxía; un xornalismo con salarios e condicións laborais dignas, compatible coa vida persoal dos seus profesionais e que non poña en risco a saúde física e mental. Queremos un xornalismo que non ignore as condicións de desigualdade estrutural ás que se enfronta a metade da poboación e máis da metade da profesión; un xornalismo que valore a experiencia dos veteranos e que non abuse da ilusión de quen se incorpora á profesión. E tamén, como pedía a xornalista iraniana Elahe Mohammadi, gañadora xunto a Nilufar Hamedi da última edición do premio Couso: “un mundo onde os xornalistas poidan traballar con seguridade e liberdade, especialmente aqueles que informan con valentía sobre a opresión e se negan a ser silenciados”. 
 
Para conseguir todo iso é crucial que teñamos un lugar no que encontrarnos alén dos medios para os que traballamos, unha voz común. Ese lugar é o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que a nova xunta de goberno se compromete a consolidar e a intentar facer avanzar nos próximos 4 anos coa colaboración de todos os colexiados e colexiadas. 

 

Belén Regueira Leal, Decana do CPXG | Santiago de Compostela, 11 de maio de 2024