O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), organismo de dereito público que agrupa ao oitenta por cento dos profesionais da información e da comunicación de Galicia, a través do Observatorio Galego dos Medios (OM), quere facerlle chegar á opinión pública galega a súa alarma e a súa denuncia contra o que está sendo un constante deterioro do noso patrimonio comunicacional, ao que veñen contribuíndo de maneira tan directa como irresponsable os sucesivos gobernos, instrumentalizando as competencias estatutarias a prol dun sistema mediático que, en troques de representar á Galicia socioloxica e ideoloxicamente diversa, reduce o seu pluralismo e incrementa a súa dependencia de grupos foráneos, alleos polo tanto a canto debera singularizar e afortalar, empresarial e culturalmente, o espazo galego de comunicación. A concesión de emisoras locais de TV dixital terrestre que vén de facer a Xunta constitúe un paso decisivo nese proceso de progresiva colonización dese espazo en xeral, e neste caso concreto, do sistema audiovisual que lle é básico.