Bolsa Elizabeth Neuffer 2021 para mulleres xornalistas

Do ao

Información de contacto:

Claudia Gonzalez
cgonzalez@iwmf.org

A International Women's Media Foundation (IWMF) convocou unha nova edición da Bolsa Elizabeth Neuffer dirixida a mulleres xornalistas. Pódense postular as xornalistas, ben autónomas ou que formen parte do cadro de persoal dun medio de comunicación, que conten cun mínimo de tres anos de experiencia xornalística e un excelente dominio do inglés, tanto oral como escrito.

A Bolsa Elizabeth Neuffer ten unha duración de sete meses, desde setembro de 2021 a marzo de 2022. De setembro a xaneiro, as xornalistas bolsadas terán a súa sede no Centro de Estudos Internacionais do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) en Cambridge, traballando coa IWMF nun programa que lles permitirá realizar investigacións académicas e mellorar a súa capacidade para cubrir temas de dereitos humanos e xustiza social. De febreiro a marzo, a súa sede será a cidade de Nova York, onde realizarán prácticas a tempo completo en The New York Times ou The Boston Globe.

As xornalistas interesadas na bolsa teñen ata o 25 de febreiro para postularse. A solicitude deberá incluír: unha biografía, currículum vitae, unha carta de motivación (segundo se estabelece nas bases da convocatoria), unha carta de obxectivos, dúas mostras de reportaxes sobre cuestións de dereitos humanos ou xustiza social e dúas cartas de recomendación (en inglés).

Máis información nas bases da bolsa