Foro As Mulleres que Opinan Son Perigosas 2021

Do ao

Horario: Venres 5 de marzo das 16:45 ás 19:45 horas e sábado 6 de marzo das 11:30 ás 13:15 e das 17:00 ás 19:15 horas

A Deputación de Pontevedra organiza a cuarta edición do Foro As Mulleres que Opinan Son Perigosas, que reúne mulleres xornalistas de diferentes xeracións e perfís, galegas e do resto do Estado. Como a edición pasada, esta se realizará a través de internet por mor da pandemia e terá lugar o venres 5 e sábado 6 de marzo.

O xornalismo é un sector dirixido maioritariamente por homes e o da opinión é un xénero no que as mulleres levan anos pelexando para ocupar o seu espazo nos faladoiros de radio e televisión, nos novos medios dixitais e nas páxinas dos xornais, onde as sinaturas son maioritariamente masculinas. Malia esa realidade, hai mulleres columnistas que escriben, que opinan e que abren blogs para posicionarse sobre a actualidade e a realidade na que viven; hai mulleres que dirixen medios; e hai mulleres que introducen na axenda mediática temas e voces silenciadas durante anos.

O xornalismo non é alleo á crise do coronavirus. Co confinamento e coas restricións as tarefas do fogar e os coidados volveron evidenciar as desigualdades existentes e o dobre esforzo das mulleres xornalistas que agora traballan desde a casa. Segundo un estudo da Federación Internacional de Xornalistas (IFJ Global), máis da metade das e dos xornalistas en todo o mundo recoñece ter sufrido estrés e ansiedade pola crise da COVID-19, un problema que recae especialmente nas mulleres: o 63 % das xornalistas fronte ao 55 % dos homes xornalistas. Ademais, coa crise sanitaria a loita feminista pasou a un segundo plano na axenda social e mediática.

As mulleres xornalistas tomarán a palabra na primeira fin de semana de marzo, reflexionando no marco da crise do coronavirus e as súas consecuencias na profesión co seguinte programa:

Venres 5 de marzo

16:45 h Inauguración e benvida: Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, con Diana López e Susana Pedreira.
17:00 h Mar Cabra: "Do Pulitzer polos papeis de Panamá ao tecnoestrés xornalístico". 
17:30 h M.ª Jesús Espinosa de los Monteros: "Historias sonoras. Días de viño e podcasts".
18:00 h Belén López e Montse Fajardo: "Cultura e memoria na prensa local".
18:45 h Susana Vera: "Nas trincheiras do fotoxornalismo. A linguaxe propia da imaxe".
19:15 h Esther Palomera: "Opinión en zona crítica".
19:45 h Peche

Sábado 6 de marzo

11:30 h Pilar Álvarez: "Novas responsabilidades con perspectiva de xénero".
12:00 h Pampa García Molina: "A ciencia é noticia".
12:30 h María Obelleiro, María Yáñez e Silvia Carregal: "As mulleres dirixen os novos medios galegos".
13:15 h Pausa
17:00 h Ebbaba Hameida: "Voces desterradas. Mulleres en países musulmáns".
17:30 h Lara Graña e Mercedes Mora: "Elas dirixen a información económica".
18:15 h Henar Álvarez: "A opinión necesita comedia: un pouco de buenismo bien e algo de mala leche".
18:45 h Almudena Ariza: "O mundo en plano curto. A experiencia dunha correspondente".
19:15 h Despedida

Máis información e formulario de inscrición na web da Deputación de Pontevedra