IV Premio Universitario de Comunicación Científica Contar a Ciencia La Caixa

Do ao

Información de contacto:

Real Academia Galega de Ciencias
Facultade de Química.
Avenida das Ciencias s/n. 
Campus Vida
15782 Santiago de Compostela
981 55 22 35
ragciencias@ragc.gal
www.ragc.cesga.gal

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RACG) convoca a cuarta edición do premio universitario de comunicación científica Contar a Ciencia “la Caixa”, dirixido a estudantes das facultades de xornalismo e comunicación das tres universidades galegas. Os obxectivos do premio consisten en fomentar a divulgación da ciencia e da investigación que se desenvolven nos distintos campus e achegar o xornalismo e a ciencia ao gran público. A convocatoria conta co patrocinio da Fundación  “la  Caixa” e co apoio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa tecnolóxica Primux.

Poderán participar alumnos das facultades de comunicación de Santiago, Pontevedra e A Coruña. O prazo para presentar os traballos comeza o 17 de febreiro e concluirá, na súa  primeira fase, o 15 de marzo. Posteriormente os estudantes seleccionados terán ata o 20 de abril para elaborar os seus traballos, que serán avaliados por un xurado presidido polo presidente da RAGC. O veredicto do xurado chegará a finais de maio e no  mes de xuño celebrarase un acto no que se fará entrega dos premios.

Os estudantes interesados en participar no premio terán que presentar reportaxes escritas, traballos audiovisuais –tamén fotográficos-- ou a combinación de ámbalas dúas modalidades, nas que os alumnos participantes expliquen proxectos de ciencia e tecnoloxía que se desenvolvan nunha das tres universidades galegas. Coma novidade mais destacada, este ano haberá tres traballos premiados, en lugar de dous, como viña 
sucedendo ata o de agora.

De acordo coas bases do premio, os alumnos (de xeito individual ou en grupos de dous) presentarán as súas propostas de reportaxe ata o vindeiro 15 de marzo. O xurado seleccionará as máis destacadas pola súa calidade, orixinalidade do tema tratado e o seu valor periodístico e comunicativo, que se convertirán en finalistas. Os autores dos traballos seleccionados disporán ata o 20 de abril para presentar as súas propostas xa totalmente elaboradas e feitas en galego. Ao longo das semanas seguintes publicaranse no portal GCiencia todos os traballos que pasen esa primeira proba.

O traballo que resulte gañador obterá un premio de 700 euros e un smartphone da marca galega Primux, ademais haberá outros dous gañadores que serán premiados con sendas tablets cortesía de Primux. Os traballos seleccionados na primeira fase obterán un  diploma acreditativo como finalistas. O xurado estará integrado por representantes da RAGC, de GCiencia, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, de “la Caixa”, da Secretaría Xeral de  Universidades e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Máis información en GCiencia.com