Xira de Nilufar Saberi por Galicia

Do ao

Horario: Mércores 8, xoves 9 e venres 10 de novembro de 2023

Lugar: Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo e Vigo

A activista e defensora dos dereitos das mulleres iraniana Nilufar Saberi realizará unha xira por Galicia da man de Amnistía Internacional. Saberi vai realizar charlas en Santiago de Compostela (mércores 8 de novembro, só para escolares), A Coruña (mércores 8), Lugo (xoves 9) e Vigo (venres 10), nas que abordará a problemática dos Dereitos Humanos en Irán dende a chegada ao poder de Khomeini e a súa teocracia islamista no '79, así como a súa esperanza ante os cambios que se están a producir grazas ao movemento de Muller Vida e Liberdade.

Nilufar Saberi (ou Nely, como lle gusta que a chamen), naceu en Teherán en 1966. Activista de longa traxectoria, é moi coñecida no noso país, xa que leva 40 anos vivindo en España, onde chegou coa súa familia como refuxiada sendo nena. Durante estas catro décadas leva denunciando as violacións que se están a cometer no seu país, especialmente no tocante aos dereitos das mulleres e nenas. No seu tempo fundadora e máis tarde presidenta da Asociación Iraní Pro-Derechos Humanos, hoxe en día prefire adicarse á divulgación de forma independente, como dan conta as súas colaboracións con organizacións como Amnistía Internacional, Medicus Mundi, Cultura de Paz, Culturas y Tierra e moitas outras..

As charlas de Saberi en Galicia terán lugar o mércores 8 de novembro ás 11:30 no IES Pontepedriña de Santiago de Compostela (Rúa de Amor Ruibal, 28), ese mesmo día ás 19:30 no Local de Amnistía Internacional na Coruña (Rúa Rafael Alberti 5, 1ºC), o xoves 9 de novembro ás 20:00 no Patio do Vello Cárcere de Lugo (Praza da Constitución s/n), e o venres 10 de novembro ás 19:00 na Sala Sargadelos de Vigo (Rúa Urzáiz 17). A actividade no IES de Santiago é só para escolares e non está aberta ao público xeral.