'Borobó e o xornalismo en liberdade', Xosé María Palmeiro

Xosé María Palmeiro, xunto a autoridades e familiares de 'Borobó', na homenaxe ao xornalista (Foto: El Correo Gallego)

Artigo de opinión do xornalista e primeiro decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do centenario do nacemento de Raimundo García Domínguez, Borobó

“Xornalista e defensor das liberdades”. Así reza a placa descuberta onte no número 28 da rúa Porta Raxói, de Pontecesures (Pontevedra) onde hai cen anos viu a luz Raimundo García Domínguez, Borobó (10 de xullo de 1916), referencia senlleira do xornalismo galego.

Imprescindible anaco da memoria —non só xornalística— de noso, Borobó (falecido en Compostela o 28 de agosto de 2003) ten agora testemuñal presenza centenaria neste seu “longo pobo cesureño”. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) sumouse aos actos organizados desde o Concello —ofrenda floral no cemiterio de San Xulián e placa na casa natal— nos que participaron a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega, así como outras representacións profesionais e boa parte da familia do homenaxeado encabezada pola súa viúva Carlota Paz.

Celebramos así o primeiro centenario do nacemento dun dos grandes do xornalismo galego coa emoción salteada pola vertixe do tempo e honrámonos na lembranza do mestre, do amigo, do xornalista cabal e talentoso, do cidadán comprometido coas mais nobles causas, do home cordial e xeneroso, en el buen sentido de la palabra, bueno, por decilo ao xeito machadiano.

Figura clave do diario La Noche, en Compostela e da revista Chan, en Madrid, por citar só dúas referencias ben indicativas da súa gran capacidade de traballo e do seu compromiso coa profesión e con Galicia, Borobó foi exemplar practicante dun xornalismo brillante exercido desde a súa determinación libertaria e ao servizo da construción dunha sociedade libre e democrática.

Do fermoso legado deste perdedor da Guerra plus quam Civil, como él adoitaba decir, soubo tomar boa nota a primeira Xunta de Goberno do case recén nacido Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) para pedirlle ao mestre que inaugurara coa súa palabra e o seu testemuño a primeira conmemoración do Día Mundial da Liberdade de Prensa. Corría o 3 de maio de 2001 e Borobó veu á cidade levítica para falar das súas memorias e esperanzas xornalísticas nun acto que celebramos acolléndonos á hospitalidade da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Abarcouno todo o mestre no exercicio do xornalismo, aínda que o seu bo facer fique por sempre vencellado aos anacos, a columna, a opinión asinada ao pé da actualidade, documentando as claves da noticia, expoñendo os feitos, referenciándoos mesmo con experiencias persoais, situándoos na historia e concluíndo. Eis a estrutura precisa e sinxela do anaco, a peza xornalístico-literaria convertida moi logo no referente primeiro borobobiano, porque o mestre, dono de tantos e tan diversos saberes, foi quen de crear un estilo atractivo e suxerente, explicativo e engaiolante, firme e suave.

Agradezo a oportunidade de ter representado no acto cesureño a esta nosa institución profesional para dar testemuña, unha vez mais, de recoñecemento e homenaxe a quen foi, e segue a ser, guieiro no exercicio e na defensa do xornalismo en liberdade. Por sempre Borobó, mestre.

Xosé María García Palmeiro, xornalista e primeiro decano do CPXG (2000-2004)