Krakenberger nos Almorzos On/Off: "Temos que garantirlle a Pablo unha defensa letrada eficaz, e iso nos Estados Unidos é diñeiro"
Cándido Ibar, pai de Pablo Ibar, e Andrés Krakenberger, portavoz da Asociación contra a Pena de Morte Pablo Ibar, presentaron hoxe no Almorzo On/Off organizado en Santiago polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Amnistía Internacional a campaña de micromecenado para o novo xuízo no que Ibar volve enfrontarse á petición da pena capital.
O 4 de febreiro de 2016 o Tribunal Supremo de Florida decidiu anular a condena a morte que pesaba sobre Pablo Ibar por considerar que tivera unha defensa letrada ineficaz e fora condenado a morte con probas "escasas" e "débiles. Condenado no 2000 á pena de morte por un triplo asasinato do que sempre se declarou inocente, a sentenza baseouse nunha imaxe borrosa sacada dun vídeo e nun testemuño dubidoso, mentres que as probas exculpatorias inclúenmostras de ADN e pegadas dactilares na escena do crime que non coinciden coas de Ibar. No novo xuízo, que se encontra actualmente en feses previsa, o Estado de Florida, porén, mantén a petición da pena de morte para Ibar.
Andrés Krakenberger, portavoz da Asociación contra a Pena de Morte Pablo Ibar, explicou hoxe no Almorzo On/Off do Colexio de Xornalistas a situación na que se atopa actualmente o caso de Ibar e presentou a campaña de micromecenado coa que se busca cubrir parte do orzamento da defensa para a próxima repetición do xuízo, que ascende a 1.300.000 dólares. "Temos que garantirlle a Pablo unha defensa letrada eficaz, e iso nos Estados Unidos é diñeiro", afirmou Krakenberger, quen destacou que non era un gasto elevado para a xustiza norteamericana.
Deste preuposto, ate o momento recaudouse o 57,55%, ademais de estaren comprometidas partidas públicas da Deputación Foral de Biscaia, a Deputación Foral de Navarra, a Comunidade Autónoma Vasca e o Orzamentos Xerais do Estado. Krakenberger mostrou a súa esperanza de que esta última partida aumente na revisión dos Orzamentos no Senado, debido a que o caso de Ibar está na súa fase final e ao feito de que tras a condena a Artur Segarra en Tailandia, Ibar xa non é o único condenado a morte español. Na actualidade, a asociación ten que recaudar aínda uns 350.000 euros.
O pai de Pablo Ibar, Cándido Ibar, afirmou que este se atopa "saudábel, pero moi cansado, agotado": "Leva unha tempada que está moi deprimido, farto de todo". Neste sentido, destacou que o traslado de Ibar fóra do "corredor da morte" por mor da suspensión da condena ten agravado en parte algunhas consecuencias do seu encarceramento. Así, desde a asociación destacaron a falta de lóxica de que, mentres que no corredor da morte tiña dereito a unha visita semanal nunha sala grande, na que se podía estar varias horas, no actual réxime as visitas, dúas por semana, son a través dunha pantalla de ordenador, e moitas das veces son suspendidas, algo que non se lles comunica até chegaren á prisión. "A única vantaxe que ten é que agora pode chamar. Para que el diga que prefería estar onde estaba antes...", declarou o pai.
Pablo Ibar leva 23 anos preso nos Estados Unidos, 16 deles na zona reservada aos sentenciados á pena capital. A Asociación contra a Pena de Morte Pablo Ibar busca dar a coñecer a situación que está sufrindo Ibar e conseguir axuda que permita que se realice un xuízo xusto que demostre a súa inocencia. Na actualidade están a realizarse as vistas previas para a repetición do seu xuízo, que aínda non ten data para a súa realización.
Almorzos ON/OFF
Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
CPXG