130 medios pechados e numerosos xornalistas detidos en Turquía

Protesta contra o peche de medios en Turquía

A represión contra a liberdade de prensa en Turquía intensificouse nos últimos días co peche de 130 medios de comunicación e as ordes de arrestro contra máis de oitenta xornalistas e traballadores dos medios.  Moitas organizacións denuncian os ataques e a UE xa trasladou ao goberno turco a súa "preocupación".

Os ataques contra a liberdade de expresión en Turquía, que comezaron tras o fallido golpe de estado do 15 de xullo, aumentaron a última semana a súa intensidade. Así, ás depuracións masivas que se están a realizar no exército, na xudicatura ou na educación, o goberno de Recep Tayyip Erdoğan sumou o peche de 130 medios de comunicación, ademais do bloqueo de milleiros de sitios web. Entre os medios pechados encóntranse, por exemplo, a axencia de noticias Cihan (da editora do Zaman, xornal con maior tiraxe do país), a canle internacional de televisión Samanyolu TV ou a revista Nokta

Ademais, o goberno turco ordenou a detención de 47 xornalistas, cuxos nomes se suman aos de outros 42 profesionais da información arrestados, acusados de formar parte da "rama de medios de comunicación" de Fethullah Gülen, a quen o réxime de Erdoğan responsabiliza pola tentativa de golpe. Entre eles, numerosos columnistas do Zaman ou a coñecida xornalista e ex deputada Nazlı Ilıcak

Numerosas organizacións denunciaron xa esta situación. Así, Amnistía Internacional manifestou que o estado de excepción non pode "servir de pretexto para suprimir aínda máis a liberdade de expresión e as salvagardas contra a detención arbitraria e a tortura". Pola súa banda, a Federación Europea de Xornalistas esixiu a intervención da Unión Europea para frear os ataques contra a liberdade de prensa. A UE xa manifestou a súa "preocupación" pola detención de xornalistas. 

CPXG