A avogacía xeral da UE avala deixar a prensa online fóra do IVE reducido

Tribunal de Xustiza da Unión Europea en Luxemburgo (Foto: Cédric Puisney)

A avogacía xeral do Tribunal de Xustiza da UE avalou a pasada semana que non se aplique á prensa online o IVE reducido. As conclusións, aínda que non son vinculantes, son unha contribución máis no debate sobre a aplicación deste imposto, que a propia UE planea reformar. 

O pasado xoves 8 de setembro, a avogacía xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea avalou que a prensa online e os libros electrónicos fiquen fóra do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) reducido. No documento de conclusións, a avogada Juliane Kokott  argumenta que a directiva que regula o IVE reducido para as publicacións resérvase este tipo impositivo para os textos que "se subministran mediante un soporte físico". 

O IVE que se aplica aos produtos dixitais vén provocando un amplo debate nos últimos anos na política europea, especialmente a partir de que Francia comezara a aplicarlle o IVE reducido á prensa dixital. A Asociación Europea de Editores de Diarios solicitou xa no 2014 a equiparación dos impostos para as publicacións dixitais e en papel. E o propio comisario de Asuntos Económicos, Pierre Moscovici, inclui a igualdade de trato dos dous tipos de publicacións entre as propostas para a reforma deste imposto que propón a Unión Europea.

Agora o documento da avogacía xeral, realizado a consulta do del Tribunal Constitucional polaco, vén a avalar aquelas administracións que aplican IVEs diferenciados, como fai España. Contodo, as opinións da avogacía general do TUE non son vinculantes para o tribunal europeo, mais na meirande parte dos casos as súas conclusións coinciden co fallo definitivo, que se saberá nas vindeiras semanas. 

CPXG