A campaña #OrgulloTerceiroSector da EAPN Galicia combate os mitos sobre as entidades sociais: "Estamos altamente profesionalizadas"

De esquerda a dereita, Xosé Cuns, Clara de Vega, Manuel Rey e Ana Pardo

Ana Pardo, Xosé Cuns e Clara de Vega presentaron este mércores na sede do Colexio de Xornalistas a campaña #OrgulloTerceiroSector, coa que a EAPN Galicia - Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social quere desmontar os prexuízos sobre o traballo das entidades sociais e pór en valor a súa contribución á transformación social. O acto contou coa introdución de Manuel Rey, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

A sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acolleu esta mañá un almorzo on/off, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e EAPN Galicia - Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social, no que se presentou a campaña #OrgulloTerceiroSector, coa que a rede quere reivindicar o labor destas entidades como un dos axentes fundamentais na transformación social e na defensa dos dereitos e igualdade das persoas máis vulnerables..

O acto foi presentado por Manuel Rey, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, quen lembrou que no 9 de outubro se celebra o Día Nacional do Terceiro Sector e salientou que "persiste sobre estas entidades un veo de descoñecemento e de prexuízos". A continuación, Ana Pardo, presidenta da EAPN Galicia, explicou o funcionamento desta rede integrada noutros colectivos a nivel estatal e europeo e que agrupa a 36 entidades autonómicas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión. "Aínda que traballamos con grupos de poboación diferentes, o traballo que facemos parte dos mesmos principios", asegurou. 

O director da EAPN Galicia, Xosé Cuns, comezou a súa intervención agradcendo o traballo das propias comunicadoras das entidades, que "nos dades en gran parte a coherencia que tentamos transmitir". A campaña #OrgulloTerceiroSector nace precisamente da constatación de eivas comunicativas, como o descoñecemento do labor das organizacións do terceiro sector, a existencia de prexuízos acerca do seu traballo e a circulación de loiadas e desinformación. Fronte a todo isto, a reivindicación do papel do terceiro sector, cunha linguaxe próxima e sinxela e que chegue a todos os públicos, organízase sobre dúas ideas forza: que é un axente clave na defensa dos dereitos e a igualdade e que é xerador de riqueza e emprego, respresentando no estado un 1,5% do PIB e dando emprego a máis de 600.000 persoas. "Somos entidades altamente profesionalizadas", asegurou Cuns, aínda que recoñecendo que "chegamos tarde a ter gabinetes de comunicación". 

Por último, Clara de Vega. responsábel de comunicación da EAPN Galicia. debullou o contido da campaña, que neste primeiro momento está centrada en visibilizar o escaso coñecemento entre a cidadanía do terceiro sector, mediante vídeos xa dispoñíbeis con entrevistas a persoas anónimas que mostran como continúan a existir mitos e preconceptos sobre o traballo das ONG. Nunha segunda fase, por parte das entidades darase resposta con datos rigorosos ás mesmas preguntas que responderon as persoas da rúa e, xa a logo prazo, rematase con gravacións espontáneas desdde as mesmas entidades que respondan á pregunta "Por que estou orgullosa de traballar no terceiro sector?".

CPXG