A Comisión Xestora do Consello de Colexios de Xornalistas denuncia a agresión a Guillem Valle

Os Colexios de Xornalistas de Galicia, Cataluña e Murcia expresan o seu rexeitamento á última agresión sufrida por un fotógrafo español no exercicio do seu traballo, neste caso no Cairo (Exipto).
Trátase do fotógrafo catalán Guillem Val, de 28 anos, quen foi hospitalizado como consecuencia dos golpes e puñadas que, ao parecer, sufriría por parte de membros das forzas de seguridade daquel país.

Guillem Valle foi detido mentres facía o seu traballo de fotógrafo durante os enfrontamentos entre a policía e os manifestantes contra a situación naquel país, feitos que tiveron lugar nas inmediacións da Praza Tahrir, no Cairo.

O fotógrafo confesou a varios medios de comunicación que foi detido por policías de paisano e golpeado, o que lle produciu contusións cerebrais e mazaduras por todo o corpo. Guillem Valle goza dunha enorme reputación e ten entre os seus recoñecementos o prestixioso galardón World Press Photo.

Os colexios profesionais de xornalistas recordan o valor sacro do oficio de informar, exercido tamén por aqueles que captan graficamente, mediante cámaras de televisión ou de fotografar, aquilo que ten valor noticioso para a sociedade. O dereito á información é básico en toda sociedade, polo que un feito deste tipo convértese nun paradoxo nun país, Exipto, que se esforza por transformarse nunha democracia real.

Os tres colexios de xornalistas instan ás autoridades españolas a que esixan ás exipcias o respecto do traballo dos profesionais da información, á vez que solicitan que se abra unha investigación sobre estes feitos e que pidan responsabilidades polo sucedido.

COMISIÓN XESTORA DO CONSELLO DE COLEXIOS DE XORNALISTAS