A Consellaría de Emprego e Igualdade impulsará formación de xénero nos medios en colaboración co CPXG

Imaxe da xuntanza realizada onte

Unha representación do CPXG formada por Sonia Vizoso e Eliana Martins reuniuse onte coa conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, para deseñar accións conxuntas que melloren a perspectiva de xénero e a igualdade nos medios galegos. A colaboración co CPXG materializarase no deseño de formación especializada dirixida a xornalistas, a promoción da creación de editoras de xénero nas empresas de comunicación e a renovación do compromiso coa Declaración de Compostela.

A vicedecana primeira do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Sonia Vizoso Pérez, e a membro da Xunta de Goberno Eliana Martins Alvela reuníronse onte a través de videoconferencia coa conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, e a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado Lago, de cara a estabelecer colaboracións para ofrecer ao conxunto dos e das xornalistas galegas unha apropiada formación en materia de xénero e garantir a igualdade nos medios de comunicación. 

A conselleira expresou o seu apoio á colaboración co Colexio de Xornalistas, que se materializaría a través do deseño de actividades formativas especializadas en perspectiva de xénero que vaian dirixidas ao colectivo de xornalistas, con especial atención ao tratamento da violencia de xénero. Este tipo de formación foi solicitada polo CPXG para atallar tanto as eivas detectadas no tratamento destas cuestións, como, en xeral, as prácticas inadecuadas que perpetúan a normalización da desigualdade entre homes e mulleres.

Así mesmo, contemplouse a necesidade dun plano para a promoción da creación, nas empresas de comunicación, dunha figura que traballe as cuestións de xénero desde dentro das organizacións. Esta figura, que vela por un xornalismo con perspectiva de xénero no interior das redaccións, xa está a desenvolverse en medios de todo o mundo tras a experiencia pioneira do The New York Times, e coñécese habitualmente cos nomes de "editora de xénero", "redactora xefe de xénero" ou "correspondente de xénero". 

Por último, na xuntanza falouse tamén da necesidade de renovar o compromiso dos medios de comunicación galegos coa Declaración de Compostela, que a dezaseis anos da súa aprobación continúa a ser un horizonte non alcanzado na abordaxe responsábel da violencia machista no xornalismo.

CPXG