A decana do Colexio de Xornalistas reúnese coa súa homóloga da Facultade de Comunicación da USC
Este martes 14 de maio tivo lugar unha xuntanza entre as decanas do Colexio de Xornalistas e da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Belén Regueira Leal e Ana Isabel Rodríguez Vázquez. No encontro, o primeiro da nova Xunta de Goberno do Colexio, compartíronse impresións sobre o xornalismo en Galicia, a formación e a posta en valor da titulación e as perspectivas de futuro do alumnado de comunicación. Tamén se exploraron vías de colaboración entre as dúas entidades.
A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira Leal, reuniuse na tarde deste martes 14 de maio coa decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ana Isabel Rodríguez Vázquez, na primeiro encontro da recentemente elixida nova Xunta de Goberno . A da USC é a única facultade galega que imparte na actualidade o grao de Xornalismo
Na xuntanza, as dúas decanas compartiron impresións acerca dos retos actuais da profesión en Galicia, dos desafíos aos que se enfrontan os mozos e mozas que están a formarse actualmente na Facultade de Ciencias da Comunicación e da necesidade de pór en valor a titulación de Xornalismo. Exploráronse tamén novas vías de colaboración para que o alumnado da facultade coñeza o Colexio de Xornalistas e reforce os seus fundamentos deontolóxicos, así como para ofrecer opcións formativas para profesionais en activo. Ademais, as dúas entidades concordaron en seguir a consolidar proxectos comúns que xa teñen en marcha, como a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis, que en 2025 chegará á súa décima edición.
Desde a súa posta en marcha no curso 1991-92, a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC foi un revulsivo na formación das novas fornadas de xornalistas na nosa comunidade e, xa que logo, no desenvolvemento da profesión en Galicia. A maioría dos membros da actual Xunta de Goberno do Colexio do Xornalistas estudaron neste centro, incluída a propia Belén Regueira, que é a primeira decana que puido acadar a titulación en Galicia.
CPXG