A Declaración de Compostela, inicio dun camiño en igualdade: Comunicado con motivo do 8M
Hai agora preto de vinte anos, o 16 de outubro de 2004, máis de setenta xornalistas e axentes sociais asinaban a Declaración de Compostela, que recoñecía a responsabilidade dos medios de comunicación na loita contra a violencia machista e que ofrecía unha guía para a práctica informativa diaria. Do caracter anovador daquel documento, impulsado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia a través do seu Observatorio de Medios, dá boa conta o feito de que algunhas das súas reclamacións sobre a abordaxe desta temática sigan sen ser cumpridas a día de hoxe, dúas décadas despois da súa sinatura.
Este 8 de marzo, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar esa efeméride coa publicación dunha serie de vídeos que a contextualizan e lembran o seu contido. Mais a importancia da Declaración de Compostela vai máis alá da propia cobertura informativa das violencias machistas nos medios de comunicación. A súa posta en marcha recollía as arelas de moitas pioneiras e significaba a abertura, por parte da institución que representa a toda a profesión, dun camiño necesario para que hoxe en Galicia poidamos pensar e defender a existencia e a necesidade dun xornalismo feminista. Nesa andaina seguimos e habemos seguir no futuro, porque o bo xornalismo só pode ser un xornalismo con perspectiva de xénero.
Con todo, cómpre compaxinar o orgullo polo camiño andado coa constatación de que aínda queda moito por facer na construción dun xornalismo en igualdade. A reivindicación dos principios que impulsaron a Declaración de Compostela terá que acompañarse dun exercicio de revisión e reconstrución constante para conseguir que ese documento sexa o alicerce sobre o que armar unha comunicación con perspectiva feminista. Un xornalismo que cumpra co seu papel de contribuír a termos unha mellor sociedade.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere seguir alumeando ese camiño con iniciativas como o plan de formación en materia de igualdade, prevención e tratamento das violencias machistas dirixido a profesionais dos medios de comunicación que continúa a tratar de impulsar co apoio da Consellería de Igualdade e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia