A facultade de Ciencias da Comunicación da USC publica unha 'Guía de linguaxe inclusiva' en colaboración co CPXG

José Casás e Francisco X. González Sarria na presentación da guía o mércores 14 de novembro na sede da Fundación Barrié na Coruña

A facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa facultade de Ciencias da Educación e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), elaborou unha Guía de linguaxe inclusiva que recolle recomendacións para combater o emprego de linguaxes discriminatorias e prácticas para o tratamento informativo de distintos colectivos e situacións que poidan xerar riscos de exclusión. O documento foi realizado polo alumnado da materia Redacción Informativa que coordinan os profesores Xosé López e José Casás.

Guía de linguaxe inclusiva recolle pautas e consellos para evitar o sexismo ou o racismo na linguaxe e tamén recomendacións para o tratamento xornalístico de colectivos como os nenos e nenas, as persoas maiores, a comunidade LGTBQI, as persoas migrantes, persoas privadas de liberdade ou persoas con capacidades diversas. As coberturas de temáticas sensíbeis como a pobreza, o desemprego, as catástrofes e emerxencias, a cooperación Internacional, o comercio xusto e o medio ambiente son igualmente abordadas na publicación.

Este traballo parte do proxecto de Innovación Educativa de Aprendizaxe-Servizo “Xornalismo colaborativo e transmediático contra a discriminación social”, que busca aplicar unha metodoloxía educativa que integre os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade xornalística e aos comunicadores en xeral. As súas recomendacións están xa disponíbeis na web do proxecto, así como en xornalistas.gal.

A iniciativa toma como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da facultade de Ciencias da Comunicación falecido prematuramente, que foi un exemplo no emprego de linguaxes inclusivas e un puntal no combate contra todo tipo de discriminación. A publicación forma parte dun conxunto de proxectos que inclúe a Bolsa Nacho Mirás para novas tituladas e titulados ou a denominación da aula que leva o seu nome na Faculdade de Ciencias da Comunicación, que foi precisamente o lugar no que se redactou a guía. 

O proxecto terá continuidade no presente curso 2018-2019 e incorpora dúas novidades. En primeiro lugar, o manual incluirá novos colectivos ou áreas temáticas sobre os que construír recomendacións: os suicidios, as adiccións, a prostitución e finalmente a moral e a relixión. A segunda novidade consistirá na incorporación dunha nova ferramenta de traballo nas clases: Instagram. O uso desta plataforma busca a asimilación das boas prácticas da guía por parte do alumnado a través dunha ferramenta de uso habitual entre a xente moza. Así, trasladaranse as recomendacións da guía aos formatos propios de Instagram a través de exemplos reais buscados polas alumnas e alumnos.

CPXG