A FIP chama a tomar medidas para eliminar a fenda salarial no xornalismo
No Día Mundial da Igualdade Salarial, a Federación Internacional de Xornalistas, xunto ao Instituto da Diversidade dos Medios de Comunicación, reclamou aos gobernos e ás empresas mediáticas que adopten medidas para acabar coa fenda salarial de xénero, que a nivel mundial provoca que as mulleres gañen de media un 20% menos que os homes e que na comunicación está marcada polo teito de cristal e o maior traballo das mulleres como xornalistas á peza ou a tempo parcial.
Con motivo da celebración, este martes 17 de setembro, do Día Mundial da Igualdade Salarial, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) e o Instituto da Diversidade dos Medios de Comunicación (MDI) fixeron público un comunicado no que reclaman aos distintos gobernos e ás empresas de comunicación medidas concretas para eliminar a fenda salarial entre mulleres e homes no exercicio do xornalismo.
A FIP e o MDI lembran que en todos os sectores da Unión Europea, os ingresos brutos por hora das mulleres en 2022 foron un 12,7% inferiores de media aos dos homes, e que a nivel mundial, segundo o informe global do 2023 da Organización Internacional do Traballo, as mulleres gañaron de media 80% do salario dos homes.
No que fai ao xornalismo, esta fenda salarial estaría especialmente marcada por dous factores. O primeiro é o teito de cristal, que fai que sexan poucas as mulleres que teñen altos cargos (cunha porcentaxe que, segundo unha enquisa do Reuters Institute en 2024, "varía significativamente dun mercado a outro, desde o 0% en Xapón até o 43% nos EUA"). Por outra banda, as mulleres xornalistas, lembran, son máis propensas a asumir funcións de xornalistas á peza ou a tempo parcial, nun esforzo por conciliar as responsabilidades relativas aos coidados, o provoca que teñan salarios menos consistentes e gastos non remunerados.
Para acabar coa fenda salarial no xornalismo, a FIP e o MDI reclaman realizar auditorías nos medios, introducir políticas obrigatorias de transparencia salarial nas empresas, adoptar oportunidades de ascenso equitativas que garantan a presenza de mulleres en postos de liderado, promulgar políticas de non discriminación e convenios colectivos que aseguren que os lugares de traballo son entornos seguros, e estabelecer políticas salariais xustas para os autónomos.
CPXG