A FIP pide garantir a igualdade de xénero e a seguranza das xornalistas nos Xogos Olímpicos
A Federación Internacional de Xornalistas (FIP) e o seu Consello de Xénero veñen de dirixirse ao Comité Olímpico Internacional (COI) para solicitarlle que garanta a igualdade de xénero e a seguranza das mulleres xornalistas nos vindeiros Xogos Olímpicos de París, así como que fomente a diversidade no cadro da competición.
Nunha misiva dirixida a Thomas Bach, presidente do COI, o secretario xeral da FIP, Anthony Bellanger, e a presidenta do Consello de Xénero, María Ángeles Samperio, defenden que "unha competición internacional da magnitude dos Xogos Olímpicos esixe o compromiso de todo o mundo para procurar que o comportamento de todos os participantes sexa respectuoso e promova un ambiente no que prevalezan os valores deportivos", polo que pide garantir que o COI "evite o sexismo por todos os medios ao seu alcance" e que se tomen medidas urxentes no caso de se produciren ameazas, acosos ou comportamentos inadecuados.
A carta lembra tamén "a necesidade de respectar a igualdade de xénero e promover a diversidade prevendo calquera forma de acoso ou violencia contra as mulleres, tanto xornalistas como atletas, e a necesidade de adoptar protocolos de intervención se foren necesarios" Para iso, a FIP ofrece ao COI a súa colaboración, tanto para estes xogos como para o futuro, de cara á implementación de medidas de prevención efectivas.
Por último, a FIP fai tamén un chamamento a respectar "a diversidade de todos os e as participantes sen acoso, insultos ou ameazas por razón de diferenzas de xénero, relixión, raza ou cultura".
CPXG