A FIP publica o 'Libro Branco sobre o Xornalismo Global', que recolle 2.658 xornalistas asasinados nos últimos 30 anos

Con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) vén de publicar o seu Libro Branco sobre o Xornalismo Global, no que documenta os asasinatos de 2.658 periodistas desde 1990, 42 deles no último ano. Ademais, 235 profesionais da comunicación atópanse actualmente en prisión.

En 1990, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) foi a primeira organización que alertou sobre os asasinatos de xornalistas e comezou a contabilizalos. Trinta anos despois, publica o seu Libro Branco sobre o Xornalismo Global no que se recolle a cifra total de vítimas que ascende a 2.658, incluíndo tanto xornalistas como outros traballadores dos medios (condutores/as, fixers ou tradutores/as) que morreron mentres desenvolvían o labor informativo. Arredor dun 50% dos asasinatos producíronse nos 10 lugares máis perigosos do mundo: Irak (339 asasinados), México (175), Filipinas (159), Pakistán (138), India (116), Rusia (110), Arxelia (106), Siria (96), Somalia (93) e Afganistán (93).

Non existe unha única causalidade para os ataques a xornalistas, máis unha das principais causas dos asasinatos son os conflitos armados, onde as e os xornalistas se expoñen con frecuencia a seren feridos, secuestrados ou mortos. Con todo, a FIP destaca que "a historia sen contar é o risco de ser xornalista local, cuxos nomes non resoan nos medios". O 75% das e os xornalistas mortos non morreron en accións de guerra, senón que foron "asasinados/as por un sicario, disparados/as ou acoitelados/as preto das súas casas ou oficinas, ou atopados/as mortos/as logo de seren secuestrados/as e torturados/as". Ademais, eb preto dun 90% dos casos de asasinatos de xornalistas non existiu ningún tipo de xuízo nin xustiza sobre as mortes.

No que vai de ano, a FIP rexistrou 42 asasinatos de xornalistas en 15 países diferentes. México lidera a lista por cuarta vez nos cinco últimos anos, con 13 asasinatos, seguido de Pakistán (5), Afganistán, India, Irak e Nixeria (tres asasinatos cada un). Houbo dous asesinatos nas Filipinas, Somalia e Siria e un xornalista asasinado en Camerún, Honduras, Paraguai, Rusia, Suecia e Iemen. O pequeno descenso fronte ao 2019, no que se produciron 49 mortes, "non pode disfrazar o perigo mortal e as ameazas que os/as xornalistas seguen a sufrir por facer o seu traballo”, advirten desde a organización. Ademais, a 10 de decembro, polo menos 234 xornalistas están encarcerados en 34 países de todo o mundo, con Europa como rexión con maior número de comunicadores na cadea (91), a meirande parte deles en Turquía (67) e Belarús (11). 

A FIP lembra que desde que no 2006 o Consello de Seguridade das Nacións Unidas adoptou a resolución 1738 que chamaba a protexer os xornalistas, arredor de 1.492 foron asesinadas e asesinados, polo que reclama maior vontade política contra esta situación. Por iso lembra que trasladou á ONU no 2018 a Convención sobre a Seguranza e a Independencia dos Xornalistas, e pide un esforzo a todos os seus afiliados e afiliadas a nivel mundial para que entre na axenda da Asemblea Xeral da ONU, de cara a garantir a seguridade das e dos profesionais da comunicación.

CPXG