A Generalitat pide a RTVE unha canle dixital que emita en catalán para toda España

O conseller de Cultura da Generalitat catalana, Joan Manuel Tresserras, pediu onte que no marco da actual reforma do ente público de RTVE haxa unha canle dixital que emita en catalán para toda España co fin de garantir a pluralidade lingüística.
Joan Manuel Tresserras, o conseller de Cultura da Generalitat de Catalunya, expresou a súa idea acerca da necesidade de que exista unha canle de televisión pública que emita explusivamente en catalán en todo o territorio nacional.

En declaracións a Catalunya Ràdio, Tresserras enumerou as condicións con que se debe negociar para garantir o futuro centro de Sant Cugat, entre elas "non diminuír a emisión en catalán, aumentar o seu peso industrial e incrementar a súa capacidade de decisión".

O conseller asegurou que "non pode ser" que "a partir do mandato constitucional de respecto á diversidade, o mercado de televisión en catalán sexa visto como un obstáculo á hora de afrontar o proceso de reestruturación".

Por iso, apuntou que cando TVE teña o despregamento dixital aberto, cun mínimo de oito canles en linguas distintas, "sería moi útil para o pluralismo unha canle en catalán para toda España".

Por outro lado, o conseller asegurou que a cultura catalana debe ter máis autoestima e reclamou para iso a colaboración dos medios de comunicación.

Aínda que en ocasións "hai que informar moi ben da gran cultura internacional e das grandes culturas que temos no noso contorno", iso non quita, segundo o conseller, que "non teñamos un información precisa da nosa cultura e sexamos capaces de valorar aquilo bo que temos".

Cultura catalana

Tresserras destacou que a cultura catalana é un sector moi importante para a economía do país e, xa que logo, sinalou a necesidade de desterrar a idea de que a cultura é un luxo.

"Hai que convencer a todo o mundo de que a cultura e os principais actores culturais non son un luxo que queda fóra do sistema económico", sinalou o conseller, que engadiu que a cultura é un sector onde "se xera un gran valor engadido".

BARCELONA
ESTRELLA DIGITAL / EFE