A II Edición de Xornalismo na Escola continúa este luns no IES Valle Inclán de Pontevedra

Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa

A segunda edición de Xornalismo na Escola, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, continúa este luns 13 de marzo con dous novos obradoiros impartidos polo xornalista Víctor Sariego no IES Valle Inclán de Pontevedra

Xornalismo na Escola ten entre outros obxectivos o de inculcar na xuventude espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. O alumnado tratará tamén temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade de aprender a utilización (que non o manexo técnico) da comunicación social e a información dixital, a imprescindible mediación e o contraste nas fontes no xornalismo; e o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa polo éxito obtido na edición anterior. Barcelona, Sevilla e Madrid, son algunhas localidades onde se veñen celebrando talleres de similares características dende hai uns anos con gran éxito, aceptación e moi bos resultados.

Angel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Alvarez Gayo, Angeles Fernández e Víctor Sariego son os licenciados e licenciadas en Xornalismo –todos eles con ampla traxectoria profesional- que despois dunha selección a nivel galego van impartir os 90 obradoiros en case o mesmo número de Institutos do Ensino de Secundaria (IES) de Galicia. 

CPXG