A II Edición de Xornalismo na Escola realiza unha intensa semana de xornalismo en Marín e Pontevedra

Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES Valle Inclán de Pontevedra o pasado 13 de marzo

A iniciativa 'Xornalismo na Escola', posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar os medios de comunicación aos máis novos, terá esta semana unha intensa actividade na provincia con obradoiros no IES A Xunqueira I de Pontevedra (o luns 24) e o IES Illa de Tambo en Marín (o martes 26 e xoves 27). 

“Por que os políticos din mentiras e como saber cando as din? Por que chaman Pinocho a Trump? Que é un gabinete de comunicación? Para que sirve o xornalismo? Canto gana un/unha xornalista? Como saber cando algo é un bulo ou fake? Que é iso da idade de consentimento sexual? A min en que me afecta como noticia legal para a xuventude?” son algunhas das cuestións que están a xurdir nos centros onde se celebran os obradoiros da II Edición de Xornalismo na Escola, xunto co interese polo malchamado xornalismo cidadán, co que a xente nova soe pensar que “xa non fai falla que traballen os xornalistas pois todos podemos subir cousas a Internet”… E sen embargo, tras hora e media do taller, os criterios expostos “ábrennos os ollos”, comentan moi a miudo. 

Obradoiros que recalan agora en Marín e Pontevedra nunha semana excepcional de xornalismo. Así o programa desta semana intensa de obradoiros de xornalismo en Marín e Pontevedra é o seguinte: 

  • Luns 24 no IES A Xunqueira 1 en horario de mañá e tarde. Imparte o obradoiro Sara Martínez.
  • Martes 25, IES Illa de Tambo. Entre as 11.30 h. e as 13.00 h. Imparte o obradoiro Víctor Sariego, o único xornalista que repite na segunda edición e que pode contar moi boas experiencias da edición anterior e maís os celebrados nesta ocasión. 
  • Xoves 27, IES Illa de Tambo. Dende as 8.30 h. ata as 11.30 h. Imparte o obradoiro Sara Martínez. 

 
Durante os meses de marzo, abril e maio, os nove xornalistas axudarán a que a xuventude coñeza o funcionamento dos medios de comunicación e tratarán de estimular na mocidade o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG