A liberdade de prensa en perigo tras o fallido golpe de estado en Turquía

Xornais en Turquía (Foto: MikaelF)

As medidas impostas polo goberno turco tras o fallido golpe de Estado están a ter graves consecuencias para o exercicio do xornalismo, coa retirada de 25 licenzas de radio e televisión entre outras accións represivas. Numerosas institucións alertan do perigo que está a sufrir a liberdade de prensa neste país. 

A noite do venres 15 de xullo ao sábado 16, Turquía sufría un intento fallido de golpe de Estado que remataba con máis de 200 mortos. Entre os falecidos atopábase Mustafa Cambaz, fotoxornalista do diario local Yeni Şafak, morto polos militares golpistas. Na intentona golpista, ademais, foron ocupadas a televisión nacional TRT e o xornal Hürriyet, e tentouse facer o mesmo coas oficinas da CNN turca

Tras o fracaso do golpe de estado, o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdoğan, está a implantar unha serie de medidas represivas que culminou coa declaración do estado de emerxencia durante tres meses e a suspensión "temporal" do Convención Europea de Derechos Humanos.

Esta vaga represiva, por suposto, está a ter consecuencias tamén para a liberdade de expresión no país. O Consello Supremo de Radio e Televisión de Turquía retirou a licenza a un total de vinte e cinco canles de radio e televisión e vén de bloquearse o acceso a Wikileaks tras filtraren 300.000 mails do AKP, o partido do goberno. Hai quen apunta tamén a que as redes sociais foron bloqueadas durante a tentativa de golpe de estado.

Estes ataques contra as liberdades de expresión e prensa están a ser denunciadas desde numerosas orgnizacións e institucións. Amnistía Internacional afirma que se bloqueou o acceso a máis de 20 sitios web de noticias e cancelouse a carta de prensa de 34 xornalistas, nunha "represión de proporcións excepcionais". A Federación Internacional de Xornalistas vén de alertar ao Consello de Europa de toda unha serie de violacións á liberdade de prensa. E a Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE) solicitou ás autoridades turcas que garantan a seguridade dos xornalistas e respeten o debate plural e as opinións críticas. O Sindicato de Xornalistas de Turquía emitiu tamén un comunicado de protesta, baixo o título "O terrorismo non debe ser confundido co xornalismo".

CPXG