A ONU lanza Verified para combater a desinformación sobre o coronavirus

A ONU puxo en marcha esta semana Verified, unha iniciativa para recibir e compartir información de confianza e contidos esperanzadores sobre a crise sanitaria do coronavirus coa que pretende contrarrestar a propagación de "mentiras, medo e odio".

A Organización das Nacións Unidas (ONU) lanzou este xoves a iniciativa Verified para combater as noticias falsas sobre a COVID-19 artellando unha rede de colaboradores que se comprometan a recibir e compartir información precisa e de confianza sobre a crise sanitaria. Nas palabras de António Guterres, secretario xeral da ONU, “non podemos ceder os nosos espazos virtuais a aqueles que trafican con mentiras, medo e odio”.

A información fornecida por Verified vai xirar arredor de tres áreas: a ciencia para salvar vidas, a solidariedade para promover a cooperación local e global e as solucións para apoiar ás poboacións que sofren o impacto da COVID-19. "A iniciativa ´Verified´ abordará esta tendencia con contidos esperanzadores que aplaudan as accións locais de humanidade e as contribucións de refuxiados e migrantes, ademais de promover a cooperación mundial", asegurou Melissa Fleming, xefa do departamento de comunicación da ONU.

Desde Verified faise un chamamento a todas as persoas para se rexistraren como "informadores voluntarios" que sirvan de ponte para trasladar a información de confianza ás súas familias e comunidades. As persoas voluntarias recibirán diariamente contidos verificados e actualizados para seren compartidos nas redes sociais a través de mensaxes simples e atractivas. 

CPXG