A pandemia non pode apartar os medios da loita indispensábel contra a violencia machista

No Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia quere lembrar un ano máis a necesidade extrema dun tratamento informativo axeitado dos casos de violencia machista. Esta reclamación faise agora aínda máis necesaria que nunca, se é posíbel, posto que a omnipresencia da pandemia pode provocar que este tema sexa eclipsado nas axendas informativas, malia a que as fontes expertas advirten que as desigualdades de xénero se ven aumentadas nos contextos de crise como o actual.

Diversas organizacións nacionais e internacionais advirten de que situacións como o confinamento ou as reducións de mobilidade aumentan de maneira considerábel o risco de sufrir violencia machista, debido a que hai un maior tempo de convivencia entre a vítima e o agresor, complícase a posibilidade de recibir axuda externa e invisibilizanse as agresións. Trátase dunha circunstancia comprobada en situacións parcialmente análogas como os períodos vacacionais e que os datos dos que dispoñemos non fan outra cousa que confirmar: Entre o 14 de marzo e o 17 de maio deste ano, coincidindo co primeiro estado de alarma, o número 016 de atención as vítimas de violencia de xénero recibiu un total de 18.700 peticións de axuda por vía telefónica ou online, o que significa un incremento dun 61,5% ao respecto do mesmo período do ano anterior. 

Alén diso, a situación actual de crise favorece que agromen todo tipo de desigualdades de xénero. O predominio das mulleres nos labores sanitarios e dos coidados provoca que asuman un aumento maior da carga de traballo e estrés, mentres que o empobrecemento que traerá consigo a crise económica provocada pola Covid-19 terá sen dúbida un marcado carácter feminino. No propio ámbito da comunicación, o Consello de Xénero da Federación Internacional de Xornalistas ten constatado que as profesionais xa están a verse especialmente afectadas pola pandemia, de maneira principal por causa do teletraballo, o recorte de xornadas e salarios e o estrés xerado pola compatibilización da vida laboral e familiar. 

Por todo isto, a voráxine da actualidade da crise informativa non nos pode distraer da necesaria loita contra a violencia machista. Cómpre seguir avanzando no compromiso cunha ollada transversal de xénero que desde os medios faga unha abordaxe axeitada da violencia patriarcal, ao tempo que a denuncie como violación dos dereitos humanos e facilite información útil e de servizo ás mulleres afectadas. Quince anos despois, a Declaración de Compostela segue a ser, non xa só unha guía útil, senón unha meta aínda por alcanzar no tratamento responsábel dos distintos tipos de violencias machistas. 

É necesario recoñecer, con todo, que houbo aspectos que melloraron enormemente nestes anos, como a identificación desta violencia como un problema social de primeira orde ou o maior compromiso nas redaccións. Para seguir a avanzar neste camiño, o CPXG quere facer fincapé este ano na formación especializada para xornalistas e na creación de editores ou correspondentes de xénero nos medios, dous aspectos nos que estamos a traballar en colaboración coa Consellaría de Emprego e Igualdade. Só cunhas redacións verdadeiramente igualitarias e que saiban recoñecer as estruturas patriarcais poderemos conseguir unha información que axude a erradicar a violencia machista.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia