A PDLI fai balance e considera 2016 "un mal ano para as liberdades" en España

Manifestación contra a "Lei Mordaza" en Madrid (Foto: Carlos Delgado)

A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información presenta os que considera os dez feitos máis relevantes en materia de liberdade de expresión e información no 2016 en España, que cualifican como "un mal ano para as liberdades".

Tras a publicación de informes que recollen a situación da liberdade de información o ano pasado a nivel mundial, como os de Reporteiros sen Fronteiras e a Federación Internacional de Xornalistas, aparecen tamén balances da profesión xornalística na contorna estatal. Así, a Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI) presentou os que considera os dez feitos máis relevantes en materia de liberdade de expresión e información no 2016, que cualifican como "un mal ano para as liberdades".

A PDLI recolle no seu balance, entre outros feitos, a prohibición xudicial a El Mundo de informar do caso FootballLeaks; xuízos por "enaltecemento do terrorismo" por mensaxes nas redes sociais, como os de César Strawberry ou os titiriteiros de Madrid; a petición de cárcere para dous xornalistas do ABC; a entrada da policía na redacción de Público; as primeiras multas a xornalistas en aplicación da "Lei Mordaza"; o xuízo contra o fotorreporteiro Raúl Capín; as demandas de Prisa contra El Confidencial, La Sexta e eldiario.es pola publicación de informacións que relacionaban a Juan Luis Cebrián cos "Papeis de Panamá"; a proposición non de lei para reformar a Lei Orgánica do Dereito á Honra; e as denuncias do Consello de Informativos sobre o deterioro da liberdade de información na RTVE.

Con todo, a PDLI recolle tamén noticias con "final feliz". Á absolución ou sobresemento dalgúns dos xuízos contemplados entre os feitos máis relevantes compre sumar a do caso Anonymous: a súa suposta "cúpula" en España -segundo foi cualificada pola policía- foi absolta de todos os cargos. Tamén a Defensora del Pueblo, en resposta a unha queixa da plataforma, advertía da inconstitucionalidade das sancións a xornalistas supostamente amparadas baixo á "Lei Mordaza". Para o 2017, ademais, a PDLI salienta tres temas que poden afectar á liberdade de información: a probable modificación da lexislación en materia do dereito á honra; as ameazas de regular as filtracións xornalísticas ou as informacións sobre sumarios xudiciais; e as reformas de leis como a "Lei Mordaza" ou a de RTVE, nas que existe o risco de que queden na superficie.

Por outra banda, desde outra perspectiva, pero igualmente desoladora para a situación do xornalismo, a revista La Marea fai unha recompilación de informacións falsas recollidas nos medios de comunicación españois no 2016. Entre elas, algunhas informacións moi difundidas como o "caso Nadia", a suposta "viaxe secreta" de membros das CUP e de Podemos a Venezuela ou o anuncio da "desaparición" de Esquerda Unida. Na súa recompilación, o xornalista Antonio Maestre lembra as palabras de Ryszard Kapusczinski: “Estamos a vivir dúas historias distintas: a da verdade e a creada polos medios de comunicación. O paradoxo, o drama e o perigo están no feito de que coñecemos cada vez máis a historia creada polos medios de comunicación e non a da verdade”.

CPXG