A petición do arquivo do caso Couso é 'un agasallo' de benvida a Rice, segundo a familia

Os Amigos, Irmáns e Compañeiros (HAC) de José Couso enviaron un comunicado ós medios no que opinan que a petición do arquivo do 'caso Couso' é un "agasallo de benvida" pola próxima visita que realizará a España Condoleezza Rice.
A menos de dúas semanas de que se produza a visita da secretaria de Estado de Estados Unidos, prevista para o 1 de xuño, os familiares e amigos de Couso consideran que a Fiscalía obedece coa súa decisión ós desexos do Goberno de agradar ás autoridades estadounidenses.

Tamén sinalan que se trata dun intento de achandar unhas relacións rareadas polo auto de procesamento de tres dos seus militares nos días previos á celebración da "tan devecida" reunión con Condoleezza Rice.

Na súa opinión, o fiscal da Audiencia Nacional, Xesús Alonso, "continúa na liña de tratar de impedir que se leve a cabo unha investigación xudicial que permita facer xustiza no caso de José Couso.

O fiscal, no seu desesperado intento de arquivar o caso, utiliza no seu recurso os argumentos sostidos polo informe que elaborou o Pentágono, no que se exculpaba ás súas tropas alegando 'lexitima defensa'".

Os familiares e amigos do cámara falecido pregúntanse no comunicado "se existen outros motivos" que empurraron ó citado fiscal a tentar arquivar de novo o 'caso Couso' e se "no seu proceder, que debería conducirse pola colaboración no esclarecemento da morte de Couso, prevalece algún condicionamento alleo á función que ten encomendada".

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz encontrara indicios suficientes para emitir un auto de procesamento contra os militares estadounidenses Thomas Gibson, Philip Wolford e Philip de Camp ó considerarlles responsables directos da morte de Couso o 8 de abril de 2003.

Aquel día o exército de EEUU ocupou Bagdade e atacou tres edificios —o Hotel Palestina e as sedes das televisións de Abu Dhabi e Al Jazira— nos que se aloxaba a prensa internacional independente e que escapaba ó control dos seus soldados.

A Asociación de Amigos, Irmáns e Compañeiros incide, ademais, no seu comunicado en "a falta de rigor, os erros e imprecisións que contén o recurso formulado polo fiscal Xesús Alonso, tanto no fondo como na forma".

EL MUNDO
MADRID