A Rede de Colexios de Xornalistas adhírese ao comunicado de rexeitamento do Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía ante un posíbel Expediente de Regulación Temporal de Emprego en Ondajaén RTV

A Rede de Colexios de Xornalistas apoia ao Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía (CPPA) na súa oposición ao Expediente de Regulación Temporal de Emprego que o Concello de Xaén propón levar a cabo na radiotelevisión municipal que xestiona, Ondajaén RTV. Esta medida, que debera ter un carácter excepcional, aplícase sen ter en conta o criterio dos profesionais, nin as alternativas que propoñen.

Por iso, ambas entidades piden que se reconsidere esta decisión e que, alén da dramática situación da conxuntura actual, se propoña un proxecto de futuro que garanta a prestación dun servizo público de radiotelevisión local en Xaén con criterios profesionais e independencia informativa.

O empobrecimiento no panorama mediático andaluz e xienense, de consumarse a perda da única televisión local de Xaén capital, redundaría nun descenso na calidade informativa da cidadanía e, xa que logo, no seu dereito a estaren informados, dereito básico nunha sociedade democrática. Tras case dúas décadas de existencia, a radiotelevisión municipal de Xaén mostrou que, malia ás disfuncións debidas a indesexabeis presións políticas, foi un instrumento básico para dar voz a colectivos de toda índole e para cubrir a actualidade municipal, polo que na cidade de Xaén non se entende o seu cotián sen a súa televisión e radio, como demostra a vaga de solidariedade que espertou o anuncio do ERTE, solidariedade á que nos sumanos.

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas comparte co Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía e coa Asociación de la Prensa de Jaén (APJ) a súa máis fonda preocupación pola situación laboral do persoal, cuxo futuro pende dunha decisión política que pode acernar o dereito da cidadanía a un medio de comunicación público. Tanto o CPPA como a APJ lembran que os responsábeis públicos xestionan un patrimonio que non é da súa propiedade, senón que foi posto nas súas mans pola cidadanía, a súa verdadeira dona. Así mesmo, queren destacar o labor que os traballadores realizaron desde a creación desta emisora, demostrando cada día a súa profesionalidade.

Por todo o exposto anteriormente, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas únese ao Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía e á Asociación de la Prensa de Jaén (APJ) no seu apoio ao persoal de Ondajaén RTV e á defensa dos seus postos de traballo e instan ao Concello de Xaén a que se reformule a súa postura e considere as propostas dos profesionais para que a capital xienense non perda a súa radio e televisión municipal. Así mesmo, solicitarán ao alcalde da cidade unha reunión para mostrar a súa inquedanza e pedir a posta en marcha de medidas coherentes que dean continuidade a este servizo público local.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove colexios profesionais de xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e o País Vasco).

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS