A Rede de Colexios de Xornalistas apoia ao CPPA na súa reclamación ao goberno autonómico para que garanta a calidade e o emprego na RTVA

Tralos recentes cambios na estrutura e programación da RTVA, especialmente notábeis en Canal Sur Televisión polas substitucións nos postos de toma de decisións e nos novos rostros que se incorporaron á pantalla, o Colegio de Periodistas de Andalucía (CPPA), co apoio da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, volve esixir ao Goberno da Junta de Andalucía que invista no que consideramos elementos claves para a sustentabilidade e crecemento do servizo público de radio e televisión andaluzas:

  • Aposta polos recursos humanos propios, especialmente no caso dos servizos informativos, incluída a súa dirección.
  • Renovación do persoal con convocatorias públicas que permitan a incorporación de novos profesionais e persoas novas cualificadas, tendo como fontes importantes das que nutrirse tanto as Facultades de Comunicación como os centros de formación profesional existentes na Comunidade Autónoma, axudando con iso ademais ao reforzo do sector e a xeración de oportunidades de emprego.
  • Despolitización da radio e a televisión públicas andaluzas, dando cabida aos profesionais e as organizacións que os representan, para garantir a independencia e a pluralidade informativa, así como os principios que se recollen no Estatuto de Autonomía de Andalucía e na propia Constitución.
  • Investimento en infraestruturas e na actualización das tecnoloxías para dar resposta ás esixencias das novas contornas dixitais e ás necesidades de cobertura dunha comunidade tan ampla, diversa, heteroxénea e rica como é Andalucía.
  • Desenvolvemento pleno das obrigas de accesibilidade, en atención ao previsto na Lei 10/2018, Audiovisual de Andalucía mediante a disposición dos recursos humanos e materiais necesarios para iso.

Son fins esenciais do Colegio de Periodistas de Andalucía e da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas "velar porque a actividade profesional se adecue ás necesidades e intereses da sociedade, cun axeitado nivel de calidade", así como "garantir a independencia e a liberdade informativas en beneficio dunha sociedade libre e democrática". Nada disto é posíbel sen unha verdadeira aposta por un servizo público de radio e televisión que respecte estes principios e reciba o apoio das administracións e os gobernos.

O Colegio de Periodistas de Andalucía solicitou unha xuntanza coa dirección da RTVA para trasladar de primeira man estas demandas e coñecer os plans que se están a preparar por parte dos novos responsábeis sobre o futuro da corporación a medio e longo prazo.

Desde a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas respectamos, como non podía ser doutro xeito, as decisións adoptadas polas organizacións sindicais no exercicio das súas obrigacións e dereitos de defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras e do servizo público, intereses e fins que compartimos.

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS