A Rede de Colexios de Xornalistas defende ante a ATIC os estudos universitarios como requisito para o exercicio profesional

A Rede de Colexios de Xornalistas reuniuse coa Asociación de Universidades con Titulacións de Información e Comunicación (ATIC), para trasladarlle a súa defensa dos estudos universitarios como requisito para o exercicio profesional. Ao encontro, mantido en Madrid, acudiron o vicepresidente de ATIC e decano da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense, Jorge Clemente, e distintos representantes da Rede de Colexios.

Os integrantes da Rede expresaron a súa preocupación pola paulatina perda de protagonismo que as asignaturas relacionadas coa ética e a deontoloxía teñen nos actuais plans de estudos que se imparten nas distintas universidades, considerando que é un elemento diferencial e clave para o xornalismo, nas súas distintas expresións, fronte a outras fórmulas de comunicación xurdidas a raíz da expansión de Internet e as redes sociais. Ademais, como recordou Núria de José, do Colexio de Cataluña, "sendo esta unha profesión non regulada, a ética e a deontoloxía son os únicos principios que permiten unificar e recoñecer o desempeño do xornalismo".

Igualmente, Patxi Pérez, vicedecano do Colexio de Navarra, explicou a Clemente que dado que as respectivas leis de creación dos Colexios prevén entre os seus deberes os de colaborar coas universidades na elaboración dos plans de estudos, se conte con estas corporacións incorporándoas ás comisións de seguimiento dos distintos plans. Apuntouse mesmo que a ATIC e a Rede de Colexios se reunisen co Ministerio de Educación para expresar as opinións a ese respecto. Jorge Clemente informou que xustamente se atopaba en pleno proceso de actualización e revisión dos plans na súa propia Facultade, tanto en humanidades como en ciencias sociais, pero que, lamentablemente, na súa Comunidade non existía aínda un Colexio Profesional que puidese ofrecer esa colaboración como sucede nos demais territorios.

Doutra banda, desde a Rede lembrouse a necesidade de adecuar os plans ás novas circunstancias e características do sector da información e a comunicación e como debían procurar un maior control sobre as prácticas, dando igualmente participación aos Colexios na súa definición e desenvolvemento, especialmente naqueles territorios nos que non existían centros universitarios pero obviamente si medios que podían acoller ao alumnado en prácticas. Así mesmo, a Rede expresou a necesidade de evitar a sobreoferta de prazas nos estudos de xornalismo e comunicación para non contribuír a aumentar a precariedade do sector.

Finalmente, a Rede expúsolle a Clemente o seu interese por ir xuntos na definición dos contidos que se propoñen incorporar á Educación Secundaria para formar a quen cursan estes estudos en coñecementos imprescindibles para desenvolverse na sociedade da información. Eva Navarrete, decana do Colexio de Andalucía, adiantou que a súa corporación xa trasladou unha proposta ao Ministerio no período de consulta pública aberto para a modificación da Lei de Educación. A Rede expresou o seu desexo de que ambas institucións vaian da man, dado que son as únicas que defenden con claridade e rotundidade a existencia e necesidade dunha formación regulada para o exercicio da profesión.

Para rematar, considerouse necesario establecer un calendario anual de encontro entre a Rede e ATIC para camiñar xuntos na defensa da profesión e os estudos que capacitan para o seu exercicio.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove colexios profesionais de xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco).

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS