A Rede de Colexios de Xornalistas solicita ao COE que os profesionais que cubran os Xogos Olímpicos se vacinen nas súas comunidades
A Rede de Colexios de Xornalistas, da que forma parte o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, dirixiuse ao Comité Olímpico Español para solicitar que aqueles xornalistas que vaian cubrir os Xogos Olímpicos de Tokio poidan vacinarse nas súas respectivas comunidades autónomas sen teren que desprazarse a Madrid.
Esta solicitude responde á petición cursada por diversos medios de comunicación á Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas para que actúe de intermediaria de cara a conseguir un aforro do custo en tempo e diñeiro tanto ás empresas xornalísticas como aos propios profesionais.
Os colexios de xornalistas consideran que a totalidade das comunidades autónomas do Estado contan coa suficiente capacidade e garantías para levar a cabo a vacinación de cantos profesionais a precisen antes de se desprazaren a Xapón para a cobertura dos Xogos Olímpicos.
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove Colexios Profesionais de Xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castilla e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco).
CPXG