A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas denuncia as ameazas sufridas por seis xornalistas cataláns

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas apoia ao Col·legi de Periodistes de Catalunya no seu total rexeitamento ás ameazas realizadas a seis xornalistas cataláns a través de carteis colocados en varias rúas de Barcelona e mostra o seu apoio e respaldo aos compañeiros ameazados.

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas considera totalmente inxustificable a ameaza a calquera xornalista, independentemente do medio no que traballe, xa que este tipo de accións supoñen un ataque á liberdade de información, un dos alicerces básicos nos que se debe sustentar calquera sociedade democrática.

Precisamente, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas ten previsto realizar unha reunión o vindeiro sábado 16 de novembro para abordar, entre outros asuntos, as posibles medidas a emprender en defensa dos profesionais que están a ser obxecto de ameazas e agresións, situacións que cada vez son máis frecuentes.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas  constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove Colexios Profesionais que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco).

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS