A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas insta ao Goberno a que garanta a independencia e pluralidade da Axencia EFE

Con motivo da destitución do presidente da Axencia EFE Fernando Garea, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas lembra ao Goberno que os medios públicos deben ser unha garantía de acceso universal a unha información de calidade, plural e independente. Así mesmo, a Rede mostra a súa preocupación pola decisión adoptada polo Goberno, xa que cando Fernando Garea asumiu a presidencia da Axencia EFE recibiu o apoio unánime de todos os grupos políticos a través da comisión de nomeamentos do Congreso.
 
O Informe sobre pluralismo e liberdade dos medios de comunicación na Unión Europea (2017/2209(INI)) considera que as autoridades públicas teñen o deber de protexer a independencia e a imparcialidade dos medios de comunicación públicos, en particular como axentes ao servizo das sociedades democráticas, e non de satisfacer os intereses dos gobernos no poder. Por este motivo, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas insta ao Goberno a que garanta o cumprimento destas premisas e aposte por un profesional independente para dirixir a Axencia EFE.
 
A desgobernamentalización e despartidización dos medios públicos son fundamentais para conseguir a pluralidade e a independencia. Estes deben actuar movidos únicamente polo interese da cidadanía. O seu obxectivo é responder ás necesidades informativas, formativas e de entretemento (por esta orde) dos cidadáns e as cidadás, ante os que teñen que render contas; pero non aos intereses de partidos políticos ou anunciantes. Deben quedar á marxe de presións políticas, económicas ou empresariais.
 
Así mesmo, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas defende que os medios públicos deben estar dirixidos por persoas que apliquen criterios estritamente profesionais para servir á cidadanía, non a gobernos, partidos ou empresas. Os xestores deben ser elixidos polos seus méritos estritamente profesionais e os procesos de elección deben ser abertos e transparentes.
 
Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas
 
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove Colexios Profesionais de Xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco).
 
REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS