A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas lamenta a decisión do Goberno de ignorar aos profesionais na súa estratexia contra a desinformación

A Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática 1030/2020 pola que se publica o Procedemento de actuación contra a desinformación aprobado polo Consello de Seguridade Nacional (BOE do 5 de novembro de 2020), nunca debeu publicarse sen solicitar antes a opinión dos profesionais da información, cuxa representación legal corresponde aos Colexios de Xornalistas na súa condición de corporacións de Dereito Público.

Non existe unha estratexia viábel de loita contra a desinformación sen os xornalistas. Por esa razón, calquera tentativa de pór freo á práctica, cada vez máis habitual, de difundir "información verificabelmente falsa ou enganosa que se crea, presenta e divulga con fins lucrativos ou para enganar deliberadamente á poboación, e que pode causar un prexuízo público", debe atender, entre outras, as seguintes propostas dos Colexios de Xornalistas:

  • Avanzar na defensa da profesión xornalística, dotándoa de instrumentos de autorregulación e dunha protección específica. Resulta inadmisíbel que a creación do Consello Xeral de Xornalistas non se levara aínda a cabo, incumprindo a lexislación básica en materia de Colexios Profesionais, o que constitúe unha verdadeira anomalía democrática.
  • Implantar no sistema educativo estratexias para que as novas xeracións adquiran o hábito de consumir información dos medios de comunicación, o que fomentará o seu pensamento crítico e os dotará de ferramentas para poderen detectar e combater a desinformación.

A Rede de Colexios de Xornalistas considera inaceptábel que a Orde 1030/2020 non recoñeza aos xornalistas e ás corporacións de dereito público que os representan o "papel esencial na loita contra a desinformación, con accións como a identificación e non contribución á súa difusión, a promoción de actividades de concienciación e a formación ou o desenvolvemento de ferramentas para evitar a súa propagación" que si atribúe aos "medios de comunicación, as plataformas digitales, o mundo académico, o sector tecnolóxico, as organizacións non gobernamentais e a sociedade en xeral".

Tampouco é un bo punto de partida excluír os Colexios de Xornalistas, na súa condición de corporacións de dereito público, da relación de "expertos" que a Comisión Permanente contra a desinformación poderá convocar "en función da natureza dos asuntos que se traten", tal e como estabelece o Anexo II da citada Orde.

Así mesmo, os Colexios Profesionais de Xornalistas consideran que, antes de proceder á publicación no BOE dunha iniciativa así, sería máis adecuado solicitar a opinión previa dos profesionais, a través dos seus órganos de representación, máis aínda cando esta medida se presenta como unha actuación encadrada no ámbito da maior transparencia pública. Instamos, en consecuencia, ao Goberno de España a actuar de acordo a eses principios e a non obviar o papel que aos Colexios Profesionais correspóndelles exercer, de acordo ao seu ámbito normativo e competencial.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

La Red de Colegios Profesionales de Periodistas lamenta la decisión del Gobierno de ignorar a los profesionales en su estrategia contra la desinformación