A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas reivindica a igualdade de xénero nos medios de comunicación

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, con motivo da celebración o día 8 de marzo do Día Internacional de la Mujer, quere destacar un ano máis a importancia de conseguir dunha vez por todas a igualdade de xénero nos medios de comunicación. Aínda que nos últimos anos se lograran diversos avances, aínda é preciso seguir impulsando todo tipo de iniciativas destinadas a lograr a devandita igualdade. Un obxectivo que só se conseguirá co compromiso dos medios de comunicación, as institución públicas e os e as xornalistas.

Cómpre lembrar aos propietarios e as propietarias dos medios de comunicación a necesidade de eliminar o teito de cristal e que deste xeito as mulleres poidan optar a ocupar cargos de responsabilidade, asegurando que a paridade de xénero non se produce só no tratamento informativo, senón tamén na estrutura dos medios. Ademais, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas aposta pola eliminación da fenda salarial de xénero e solicita aos xestores e ás xestoras que favorezan a conciliación e fomenten plans de igualdade nas súas empresas. Así mesmo, tamén é preciso incidir na busca da paridade de xénero no ámbito da opinión nos medios, xa que a día de hoxe predomina a presencia de homes.

No que fai ao exercicio profesional, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas considera de vital importancia eliminar a visión con nesgo de xénero no tratamento informativo e asegurar a paridade na busca de fontes de información, especialmente o que se refire á selección de persoas expertas en diferentes ámbitos. Tamén é responsabilidade dos e das xornalistas detectaren ámbitos nos que sexa evidente a falta de paridade entre xéneros e así darlles visibilidade para acabar co nesgo sexista.

Outro aspecto a mellorar é o relacionado coa utilización de imaxes, xa que en ocasións aínda se utilizan escenas que reforzan o sexismo e os estereotipos caducos, algo que se debe evitar. O corpo da muller non debe utilizarse como reclamo nin se deben potenciar os estereotipos físicos femeninos como estratexia para embelecer o contido mediático. As mulleres xornalistas deben ser elixidas pola súa profesionalidade, non polos seus atributos físicos.

En canto ao tratamento mediático da violencia machista, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas fai fincapé na necesidade de que sexa tratada como unha violación dos dereitos humanos e como un problema social. É básico evitar o sensacionalismo e o drama e potenciar o uso de fontes expertas. Para conseguir todo isto é conveniente fomentar a formación específica no tratamento da violencia machista, especialmente no uso dunha linguaxe adecuada e responsábel.

Os e as xornalistas debemos ter presente o servizo público que desempeñamos, polo que temos que comprometernos a ser un exemplo a seguir na igualdade de xénero tanto á hora de elaborar as nosas informacións como dentro das propias redaccións, uns obxectivos compartidos por todos os colexios que formamos a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove Colexios Profesionais de Xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco).

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

La Red de Colegios Profesionales de Periodistas reivindica la igualdad de género en los medios de comunicación