A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas rexeita e condena a agresión a un cámara de televisión

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas rexeita e condena a agresión da que foi vítima onte un cámara de Telemadrid ao ser confundido cun compañeiro de TV3, mentres desempeñaba o seu labor profesional na concentración convocada por Ciudadanos no Parc de la Ciutadella en Barcelona.

É totalmente inxustificábel a agresión a calquera xornalista, cámara ou fotógrafo, independentemente do medio no que traballe, xa que este tipo de incidentes supoñen un ataque á liberdade de información, un dos alicerces básicos nos que se debe sustentar calquera sociedade democrática.

Por todo iso, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas mostra o seu total apoio e ánimo ao cámara agredido e solidarízase con todos os profesionais da comunicación que no desempeño do seu labor teñen que enfrontarse en ocasións a situacións de risco, totalmente inxustificadas, mentres desenvolven o seu labor profesional.

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018 e está formada polos nove Colexios Profesionais de Xornalistas que actualmente existen en España (Andalucía, Asturias, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e País Vasco).

Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas