A segunda edición da bolsa Nacho Mirás premia un documental web sobre a feira en Galicia
Feira, un proxecto de Laura Santos Esmorís e Jorge Vázquez Herrero para realizar un documental web interactivo sobre o papel da feira na Galicia actual, recibirá os 6.000 euros da segunda edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Feira é un documental web interactivo que trata o papel da feira na Galicia do século XXI, onde aínda conta cun papel relevante. O eixo principal da obra baséase no rexistro de diferentes actividades da feira e do seu valor como espazo de encontro e convivencia. Os contidos, a modo de breves pílulas de vídeo, tomarán diversas formas no documental: postais nas que hai unha observación estática sobre un aspecto concreto da feira, planos en movemento que mostran un percorrido, os planos de entrevista onde as personaxes contan as súas visións e miradas sobre a feira a día de hoxe, e planos detalle para mostrar accións e produtos.
Os autores do proxecto son Laura Santos Esmorís, graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña que traballa no ámbito das artes gráficas, a maquetación dixital e a produción de eventos; e Jorge Vázquez Herrero, graduado tamén en Comunicación Audiovisual pola mesma universidade e mestrado en Comunicación e Industrias Creativas pola Universidade de Santiago de Compostela, que actualmente está a traballar como investigador predoctoral da USC na non ficción interactiva e a innovación nos medios.
O proxecto gañador recibirá 6.000 euros para o seu desenvolvemento. O xurado estivo formado por Francisco X. González Sarria, decano; Xosé Manuel Pereiro, vicedecano e Darío Janeiro, secretario do CPXG; Isaac González, de Abanca; Xosé López da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; e os xornalistas Ainhoa Apestegui, Xoán Soler e Fernando Varela.
A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
CPXG