A segunda edición de ‘Xornalismo na Escola’ visita este luns institutos de A Coruña e Betanzos

O Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” organizan 90 obradoiros para que os escolares galegos coñezan o funcionamento dos medios de comunicación

O  IES A Sardiñeira de A Coruña e o IES Francisco Aguiar de Betanzos serán os institutos que este vindeiro luns participarán da segunda edición de “Xornalismo na Escola”, unha iniciativa posta  en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’. Trátase de achegar aos máis novos o xornalismo e os medios de comunicación a través dunha serie de obradoiros. 

O IES A Sardiñeira será o primeiro dos centros da cidade de A Coruña no que se vai desenvolver a segunda edición dos obradoiros Xornalismo na Escola. Neste centro están programados dous obradoiros para a semana que vén, que correrán a cargo da xornalista Elvira Álvarez. O primeiro deles terá lugar o luns, día 20, ás 12.45, e o segundo desenvolverase o mércores, día 22, ás 10.45.

Pola súa banda, a xornalista Águeda Penedo visitará o IES Francisco Aguiar en Betanzos para impartir dous destes obradoiros a un total de 50 alumnos de 4º da ESO, cunha primeira sesión ás 8:45h e unha segunda ás 10:40h.

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas como A Coruña, Betanzos, Ferrol, Santiago, Ribeira, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra ou Vilagarcía. 

Durante os meses de marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa polo éxito obtido na edición anterior. Barcelona, Sevilla e Madrid, son algunhas localidades onde se veñen celebrando talleres de similares características dende hai uns anos con gran éxito, aceptación e moi bos resultados.

CPXG