A terceira edición de Xornalismo na Escola “la Caixa” chega a Monforte mañá mércores, con obradoiros no IES Daviña Rey
O IES Francisco Daviña Rey, en Monforte de Lemos, vai acoller mañá, mércores 4 de abril, o primeiro taller na cidade do Cabe da terceira edición de Xornalismo na Escola “la Caixa”, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo a escolares de 3º e 4º da ESO dos institutos de educación secundaria de Galicia.
O IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos centro acollerá dúas sesións de obradoiros de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ impartidos polo xornalista Emilio Gómez Álvarez mañá, mércores 4 de abril. O primeiro dos talleres realizarase de 12:35 a 14:15 horas e estará dirixido ao alumnado de 3º da ESO, e o segundo, de 16:00 a 17,40, estará enfocado a escolares de 4º da ESO. Con estes obradoiros son xa dous os centros educativos da Monforte que acolleron esta iniciativa desde a súa creación. N a primeira edición, no ano 2016, foi o IES Río Cabe o centro que acolleu o primeiro obradoiro na capital da Ribeira Sacra.
A iniciativa Xornalismo na Escola “la Caixa”, que está a percorrer distintos institutos de toda Galicia, arrancou o pasado 15 de febreiro no IES de Bembibre, no Val do Dubra (A Coruña), cun taller impartido por Rosa María Bueno Crego. No proxecto, que se prolongará ata o mes de maio, impartiranse un total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuidos entre os I.E.S. que o solicitaron de toda a comunidade galega.
Ademais dos mencionados, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Olalla Liñares García, Mónica González Alonso, Sara Martínez Fernández e Paula Méndez Casais completan o cadro de xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que impartirán os obradoiros.
Nas xornadas, os nove xornalistas tratarán de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór pra á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
O Instituto Daviña Rey, que acolle esta actividade, é un dos centros de máis soleira en Monforte, que iniciou a súa actividade docente hai máis de 70 anos. Vencellado nos seus inicios ao mundo ferroviario co nome de Escola de Traballo, ofreceu na súa primeira andaina formación profesional nas áreas da electricidade e do metal e, co paso do tempo, impartiu ensinanzas de tipo administrativo. Ao longo da súa existencia tivo outras denominacións, como Escola de Aprendizaxe e Escola de Maestría. En 1970 trasladouse o edificio actual, na rúa Doutor Casares, xa coa denominación actual en honra ao que fora director da Escola de Traballo dende 1953. Centro de referencia na provincia en innovación educativa (premios Proxecta, Mapa Minuto da Xunta), actualmente conta cunha ampla oferta docente que comprende a ESO, Bacharelato, diversos ciclos medios e superiores, e programas de cualificación profesional inicial, así coma unha aula Mentor de formación a distancia e outras actividades didácticas.
O proxecto de Xornalismo na Escola “la Caixa”, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.
CPXG